sábado, 10 de maio de 2025

Fíxose posible



Hai paz no verdor do prado e no son do río. No canto dos merlos e paporrubios. No voo das andoriñas.

As estacas de madeira poñen lindes á herba florida; as árbores sinalan a ruta do río. E ao fondo albíscase, abeirado polo monte, un pico. Semella unha estampa de película americana, agora que as raiolas quecen a contorna. Un magnolio, coas flores loitando por abroiar, entrou neste santuario. Tamén o xasmín e as rosas, os nenúfares, as glicinias e as silvas.

Todo funciona en harmonía neste preciso intre, dentro e fóra da miña cabeza. Todo é perfecto: a luz, a calor, o son, o aroma... como as floriñas que tinguen de cores as leiras.

Nin rastro humano. Sen motores, sen voces. Só o vento xogando co meu pelo a facerme cóxegas no nariz.

Non semellaba posible esta vida. Sen remorsos nin teimas. 

A paz era isto.




Ningún comentario:

Publicar un comentario