luns, 19 de maio de 2025

Que síndrome da impostora?


Hai un destino que nos trae e nos leva. Ou unha fada, anxo ou ente que nos mete no carreiro, ese no que non podes dar volta. Só segues adiante. 

Diría que estou nese carreiro programado, que me fai avanzar paso a paso con seguridade. Aparecen os chanzos perfectos, en altura e distancia, ata en emoción.

Estiven escoitando un audiolibro, A síndrome da impostora, e pensei que xa estaba ben. Recoñecinme como muller e como profesional. Padecino e, daquela, decidín que xa non. É marabilloso dicir -dicirse- non.

Coñezo os meus logros. Por min mesma e por bocas alleas. Oín palabras fermosas de quen non precisaba pronuncialas.

Obsérvome. Sei do que son capaz e vou asumir riscos que quizais non dea superado; pero confío en min. Son retos curiosos aos que miro de fronte, coa cabeza alta.

E así, metinme de cheo nun xardín, ignoro se entre as flores hai espiñas e merda de gato que me fagan maldicir. Poida. Pero preciso entrar nel.

Ningún comentario:

Publicar un comentario