mércores, 21 de maio de 2025

Os herdos do lavanco


O pato avanza tranquilo polo río arriba. Será consciente da estela que queda tras del? Un rastro lene observado só por ollos que se pousan nel.

Isto de cumprir anos é xenial e unha putada á vez. Explícome. É xenial a parte mental, experimental e emocional. Apréndese tanto nesta vida! Desaparecen tantos medos! Vese todo desde aquí arriba cunha claridade que xa quixera hai anos, cando vivía cunhas lentes emporcalladas tapándome a visión.
A putada vén pola parte corporal. Estas dores, estas carnes que se namoran da gravidade e que medran sen mala conciencia... 
As dúas cousas veñen de atrás. Son estelas de quen nos precedeu. Herdos dos antergos, tanto a paciencia coma a artrose. 
Foi morrer papá e mamá e apareceron os dous en min. Entendín tan ben a el que me pasou o seu problema do ollo esquerdo, agora son eu quen precisa bágoas artificiais.
Mamá axiña me entregou os seus dons, nin un mes pasara da súa morte cando a unlla do dedo anular da man esquerda sacou esa elevación que tiña ela nese mesmo lugar; agora está chegando a artrose, que modelará os meus dedos como os dela.
Herdos. No corpo e na alma. Nas cousas. No pensamento. Nos actos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario