sábado, 28 de xuño de 2025

A bitácora que me guía

A serenidade é inimiga da inspiración. Pasaron os días trementes nos que unha lousa pesada enfraquecía os músculos ameazando coa derrota. Daquela os dedos procuraban un lapis ou as teclas, para poñer por escrito o que non era quen de falar. 

A escrita é terapia. A menciña máis poderosa

Agora as mans corren a acariñar a pel. 

Xa non preciso unha dose diaria. Ás veces, quero pero nada xorde no maxín; supoño que non necesito cuspir o fel. Estou desenganchándome das pílulas pero decátome de que aflorou outra necesidade. A escrita xa non é só curativa, é necesaria; cómpreme ir deitando letras, como unha constatación da miña existencia, das emocións e dúbidas que me asaltan.

Estou fortalecéndome; nunca antes decidín con tanta claridade o que quero facer. Como novidade, formo parte dun club de lectura de adultos (a literatura xuvenil que leo por traballo, esgótame), vou a pilates cando quero eu; asumo retos profesionais para os que non me vía capaz hai un ano e sei que chegou o momento de arranxar o corpo e a alma.

Aí andamos. Madurando.

Ningún comentario:

Publicar un comentario