martes, 3 de xuño de 2025

Fóra do espazo e do tempo

Volvendo de Pontevedra fixeime na paisaxe. Baixaba -creo- a altísima ponte de Caldas cando á esquerda a miña mirada quedou agarrada nas montañas do fondo e no val verde sobre o que repousaban. Nin un segundo durou a ollada. Non importou o tempo, senón o espazo. 

Eu estaba alí e sabía con certeza o lugar onde me atopaba. Aquí, ao lado da casa. E nese mísero intre fuxidío atopeime, fóra do espazo e do tempo, fitando a miña terra con ollos de peregrina, estranxeira que se emociona coa beleza, que por tan vista non se recoñece.

Montañas verdes, escuras, e dun gris azulado. O sol empezaba a baixar a intensidade o suficiente para decatarme das ladeiras e o val.

Só iso.

Como non puiden tirar unha foto, tiven a ocorrencia de pedirlle á IA, con indicacións detalladas, que reproducise esa paisaxe. Isto foi o que "creou". Non podo por menos que rir ollando as árbores ou matogueiras redondas e a copia repetitiva das ladeiras do monte. Foi rápida, iso si, pero sen alma.



Ningún comentario:

Publicar un comentario