mércores, 29 de abril de 2015

Canto do carrizo

 
Non se ve o carrizo pero óese cantar. Ao final pódeselle ver saír voando pola esquina inferior esquerda. Este carrizo cantaba no monte da Cabana, en Oeste.

Cisnes

 
Este vídeo fíxose na lagoa de Valga da que xa falamos noutra ocasión. Está na recta de Campaña e alí vive unha parella de cisnes. Xusto estes días a femia está nunha beira da lagoa aniñando, e tiveron a delicadeza de poñerlle ao redor unha lona para garantirlle tranquilidade e intimidade. Leva cando menos uns quince días retirada mentres o macho se pasea pola lagoa.

martes, 28 de abril de 2015

Xílgaro

O xílgaro é un paxaro fermoso e áxil pero tamén é bastante esquivo, difícil de ver. Xa temos falado del anteriormente; engadimos que é granívoro e insectívoro, é dicir, segue unha dieta moi sa, fáltalle o aceite de oliva! É doado velo como paxaro cantor de gaiola. Este xílgaro en concreto foi fotografado na Coruña. O seu nome científico é Carduelis carduelis, imaxino que estará relacionado coa súa afección a comer semente de cardos, pois a palabra latina "carduus" significa, evidentemente, "cardo".



Álvaro Cunqueiro no seu libro Merlín e familia fala de que  "Frolentino, o fillo do Arnegueiro, visitaba a Felipe de Amancia e quería que lle amosase os xílgaros que tiña, xogase con el aos bolos e lle ensinase historias." Marabilloso este Frolentino que gusta das cousas boas: o canto e o lorido dos xílgaros, o entretemento dos bolos e, como non, as historias ben contadas, para o cal temos en Cunqueiro un bo mestre e en Felipe de Amancia un bo alumno. O fragmento pertence ao capítulo "O reló de area". Este libro cómpre ser lido de cando en vez para deixarnos levar polo mundo máxico e á vez tan real de don Álvaro. Garante unhas cantas risas, outro tanto de emoción descritiva e de evasión encantadora.

sábado, 18 de abril de 2015

73. Gralla cereixeira


Esta parella de grallas cereixeiras foi avistada o venres 17 de abril en Padrón, sobre as 5 da tarde. Aínda que non se lles ve moi ben na foto, si se poden identificar tanto pola silueta como a súa cor agrisada na cara; in situ resultaba máis evidente ca na foto. O seu nome científico é Corvus monedula e en castelán chámanlle directamente grajilla.

domingo, 12 de abril de 2015

72. Ferreiriño cristado


Tamén durante o paseo do domingo 12 de abril polo monte da Cabana vimos, por fin, e con moita nitidez, o ferreriño cristado. Conseguín verlle a crista a simple vista. Había unha parella revoando entre os ferreiros subeliños, comúns e abelleiros. O seu nome científico é Parus cristatus e en castelán é o herrerillo capuchino.


71. Piquelo azul


Durante o paseo polo monte da Cabana do domingo 12 de abril avistamos, a iso das seis dunha tarde máis de verán ca de primavera, un piquelo azul, tamén chamado gabeador azul. Vímolo no mesmo sitio que outras veces. O nome científico é Sitta europaea. En castelá denomínase trepador azul.

domingo, 5 de abril de 2015

70. Gaivota arxéntea


Non é moi habitual vela aquí, sobre todo en comparación coa de patas amarelas e da chorona, pero por fin demos cun exemplar; para distinguila da de patas amarelas o mellor é mirarlle as patas; a arxéntea tenas rosadas. O nome científico é Larus argentatus. Tamén foi avistada en Corrubedo na praia da Ladeira o domingo 5 de abril ás 16 horas.

69. Mazarico rabipinto


Avistamos este marazico rabipinto na praia da Ladeira en Corrubedo o domingo 5 de abril sobre as 16 horas dunha tarde de praia. Na seguinte foto vese mellor o rabo barrado transversalmente.


O seu nome científico é Limosa lapponica e en castelán chámase aguja colipinta.

sábado, 4 de abril de 2015

Miñato común


O miñato común é unha ave rapaz moi habitual en Galicia, e en Catoira tamén abundan, mesmo vimos exemplares durante o inverno no monte da Cabana. Aliméntase de animais pequenos (coellos, ratas, ratos, lombrigas,...), tamén é bastante carroñeira pero aínda así caracterízase por ter un porte elegante ao voar. A plumaxe superior é marrón pero a tonalidade pode variar ata a cor parda escura; a parte inferior é máis clara, combinando marróns e cremas. Distínguense na parte inferior das ás unha banda máis clara cara ao exterior, e remata cun borde negro. A cola é recta, aínda que algo redondeada, e ten listas horizontais nela.


A literatura tamén se ocupou del, no seguinte fragmento do conto “O fidalgo” de Ramón Otero Pedrayo, pertencente ao seu libro Contos do camiño e da rúa, o miñato identifícase co fidalgo: libre, o amo do lugar, o poderoso que cae abatido polo fidalgo mesmo; trátase dun suicidio metafórico: a caída en desgraza do fidalgo –a perda das posesións, a decadencia,…- chega polas súas malas decisións. El mesmo provoca a súa caída; el abate o miñato.

“Estraña confluencia de opinións. Chega o mordomo a falar ó señor:  mañá feira en Soutoledo. A mellor para mercar a parella de bois. Fan moita falla. Don Xohán bota man á carteira. Logo, escudriña nas gabetas e nos caixóns. Por primeira vez na vida non ten diñeiro. O sol, onza de ouro como as que el sementou a mancheas, vaise poñer na comba dos montes. O fidalgo cazador sempre olla para o ceo, como o mariñeiro para o mar. No ceo vibra quieto, feroz, dominador, un miñato. O rei no solpor. Adivíñase un medo pechado no branco pombal. Don Xohán agarra a escopeta e baixa polos eidos de millo medrado. Está agora o miñato riba dos grandes piñeiros mansos. O fidalgo admírao un instante. ¡Está tan fermoso! Logo tira. Cae o paxaro dando voltas, un anaco para nunha ponla, derrúbase pesado no chan. Os ollos, o pico, as farpas. Don Xohán ao voltar para a casa vai pensando por primeira vez: “Quizais logo haxa grandes pagos dalgunha obra”. ¿Terá que acceder ás falas melosas do Estornelo sobre hipotecar a casa de Sant-Iago?”


O nome científico é Buteo buteo e en castelán coñécese como busardo ratonero.

venres, 3 de abril de 2015

68. Falcón peregrino


En Catoira hai unha lagoa chamada Pedras Miúdas, froito dunha antiga canteira, e alá fomos na procura de fauna; pero a cousa non resultou moi proveitosa: non hai alí ningún pato, gaivota (estas sobrevoaron a lagoa pero ningunha apousou), galiñola,... só puidemos ver un falcón peregrino (Falco pergrinus), o cal non é pouco. Aínda que na foto non se percibe ben, nós vimos a súa cor gris escura no lombo e as pencas escuras no peito e a cola raiada. Deu unhas cantas pasadas por riba de nós, mesmo volveu de novo a sobrevoarnos de xeito rápido. Eran sobre as 3'30 da tarde dun día primaveral caloroso.
Por certo tamén vimos pasar o tren pola nova vía do AVE,... pero non para en Catoira!!!!!!

xoves, 2 de abril de 2015

Cisne


Esta imaxe corresponde a un cisne real (Cygnus olor). En Galicia son esporádicos, a maior parte das veces son animais introducidos por nós polo seu porte elegante e a súa fermosura.



Tradicionalmente asociouse precisamente á elegancia e a realeza, pola súa cor, porte e forza. Ademais xa a mitoloxía grega fixo que o rei dos deuses (Zeus) se encarnase en cisne para seducir á doncela Leda. Esta ave estaba consagrada a Apolo (deus da música entre outras cousas) polo seu canto, pois críase que o cisne só cantaba melodiosamente por unha única vez na súa vida cando estaba preto da morte. Neste sentido, o noso Pondal retómao pois nos seus versos o cisne aparece como unha faceta da súa propia identidade; así o percibimos no seu poema "Cando xazan do cisne" na súa obra Queixumes dos pinos, do que reproducimos o inicio e o final:

Cando xazan do cisne
os febrentos despoxos
sobre do verde da ribeira escura
e xa non se ouza o canto armosioso,
non sepultés ó vago
onde o eterno sono
dorme a escura e común vulgaridade,
nin en leito sumptuoso
onde movan combate ousadamente
materia e soberbísimo decor.
(...)
Que diga o mariñeiro,
rudo fillo do Osmo,
ó entrar pola Barra,

volvendo o escuro rostro:
"Alí xaz o que fora
noutro tempo cantor do eido noso."




Hai tamén unha constelación que leva o nome de cisne (Cygnus), que atravesa a Vía Láctea e se identifica coa Cruz do Norte.


Pega marza

A pega marza, tamén chamada gaio, xa a viramos antes pero esperamos ata agora para contabilizala porque por fin se nos puxo a tiro de obxectivo. Foi o martes 2 de abril e pasou unha parella por diante dos nosos fociños a iso das seis da tarde en Catoira, por diante da casa. Máis tarde oímolas no monte e alá fomos nós, cámara e prismáticos na man, na súa procura. E alí estaban, grallando. O nome científico é Garrulus glandarius e en castelán é o arrendajo común.

Laverca común


Vimos esta e outras moitas lavercas nas dunas da praia da Lanzada o xoves 2 de abril, sobre as 15'30 dun día soleado e quente. Oíanse cantos de laverca por todas partes, no chan e no ceo, pois pasaban voando e piando á vez. O nome científico é Alauda arvensis e en castelán coñécena como alondra común.

mércores, 1 de abril de 2015

Abril


Chegou abril e con el a primavera: onte o pole tinxiu de amarelo o chan, o coche, a roupa,... Todo. Un po que se ergue co vento e voa anunciando a caloriña que vén. As árbores xa semellan un cadro puntillista con mil gamas de verde; sobre todo aparece na paisaxe ese verde glauco, moi clariño, da vida que comeza.
Álvaro Cunqueiro tamén ficou namorado deste mes e así o deixou plasmado nalgún poema, deixo o final de "Deica abril" no que Cunqueiro fala do paso do tempo:

"O tempo vai e ven e vira
eu feito de soños
sin saber quen ha morrer primeiro.
Deica as rosas que veñen
o corazón como a roda dun muíño,
días e días sin saber quen vivirá en abril
ti, Carlota, Ofelia ou Pía,
ou eu, xa perdido no tempo,
a pucha na man, hedra por dentro
e a poeira que escusa o rastro
das rosas que foron, perdido no mundo
deica as rosas que veñen!"

Nestoutro poema, pertencente igual có anterior a Herba aquí ou acolá, titulado "O poeta escolle abril" amosa a metáfora de abril que representa a vida que comeza, a mocidade, por iso di no inicio o poeta 

"De quen fuximos? Quizaves, dime, a cinza
non rexeita a garrida mocedade e o sangue?
En abril e maio non hai cinza, dicen.
Fiquemos, amigo, sob as azas de abril."

E ao final recoñece abril como o fogar, o amor, a vida:

"Temos a verba, amor,para decir: abril.
Sob as súas azas frolecerán os días.
Abril: o aer apousa unha cidade nas ponlas
das bidueiras de abril. O noso fogar é.

Viviremos, amor, decindo a verba,
queimándoa, feríndoa, labrándoa
tan doce e temerosamente que ela coide, palabra,
abril,
que por nós vive, vivímola e soio é dita: abril."