O miñato común é unha ave rapaz moi habitual en Galicia, e en Catoira tamén abundan, mesmo vimos exemplares durante o inverno no monte da Cabana. Aliméntase de animais pequenos (coellos, ratas, ratos, lombrigas,...), tamén é bastante carroñeira pero aínda así caracterízase por ter un porte elegante ao voar. A plumaxe superior é marrón pero a tonalidade pode variar ata a cor parda escura; a parte inferior é máis clara, combinando marróns e cremas. Distínguense na parte inferior das ás unha banda máis clara cara ao exterior, e remata cun borde negro. A cola é recta, aínda que algo redondeada, e ten listas horizontais nela.
A literatura tamén se ocupou del, no seguinte fragmento do conto “O fidalgo” de Ramón Otero Pedrayo, pertencente ao seu libro Contos do camiño e da rúa, o miñato identifícase co fidalgo: libre, o amo do lugar, o poderoso que cae abatido polo fidalgo mesmo; trátase dun suicidio metafórico: a caída en desgraza do fidalgo –a perda das posesións, a decadencia,…- chega polas súas malas decisións. El mesmo provoca a súa caída; el abate o miñato.
“Estraña confluencia de opinións. Chega o
mordomo a falar ó señor: mañá feira en
Soutoledo. A mellor para mercar a parella de bois. Fan moita falla. Don Xohán
bota man á carteira. Logo, escudriña nas gabetas e nos caixóns. Por primeira
vez na vida non ten diñeiro. O sol, onza de ouro como as que el sementou a
mancheas, vaise poñer na comba dos montes. O fidalgo cazador sempre olla para o
ceo, como o mariñeiro para o mar. No ceo vibra quieto, feroz, dominador, un
miñato. O rei no solpor. Adivíñase un medo pechado no branco pombal. Don Xohán
agarra a escopeta e baixa polos eidos de millo medrado. Está agora o miñato
riba dos grandes piñeiros mansos. O fidalgo admírao un instante. ¡Está tan
fermoso! Logo tira. Cae o paxaro dando voltas, un anaco para nunha ponla,
derrúbase pesado no chan. Os ollos, o pico, as farpas. Don Xohán ao voltar para
a casa vai pensando por primeira vez: “Quizais logo haxa grandes pagos dalgunha
obra”. ¿Terá que acceder ás falas melosas do Estornelo sobre hipotecar a casa
de Sant-Iago?”
O nome científico é Buteo buteo e en castelán coñécese como busardo ratonero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario