luns, 2 de outubro de 2023

A realidade do soño


Soñei. E levo todo o día co diafragma apertándome os pulmóns. Tiven un soño que se agarrou e ensarillou o día enteiro.

Ía con papá a un hospital, e nun descoido botou a andar por un corredor longo, paralelo ao principal ao que se accedía por un portal de garaxe. Vino na distancia e chamei por el; acudiu a min como a unha amarra segura. Viña correndo lentamente e inseguro, apoiado no seu bastón. Estaba desorientado; pero a miña voz guiábao como un faro na noite de temporal. Quixen entrar a axudalo pero eu non collía nese espazo que se ía reducindo. De súpeto o portal pechouse e afastouno de min. Logrei abrilo pero papá xa non estaba. O corredor era a desolación marcado coas liñas en perspectiva cónica. Chameino a berros, desde a gorxa e o estómago, pero o corredor, que non levaba a ningunha parte, seguía baleiro.

O soño é unha perspectiva retorcida da realidade. E a realidade xoga a converterse en soño xeroglífico.

Pola tarde chorei a angustia. E sigo, ao día seguinte, atrapada no soño.

Ningún comentario:

Publicar un comentario