sábado, 16 de novembro de 2024

Un nocello avariado

Ando coxa estes días e iso obrígame a andar amodo. Como consecuencia teño máis tempo para ver, sobre todo o chan, por aquilo de non tropezar e caer outravolta. 

Pois iso, que a lentitude detén o mundo e, se ergo a vista, os detalles fanse visibles. 

Freei as pernas e, canda elas, a mente recuou, ralentizouse como durante a lectura do libro máis fermoso. Descubrín que, aínda demorado, o outono chegou; que os camiños teñen pedras soltas; e os gatos medraron.

Hai un runrún que lembra o fallo mecánico e temo a avaría. Co tempo as lesións fanse permanentes e amola ver que xa non se reparan soas, nin con facilidade. Aparece o temor da vellez; como unha carta certificada desde o futuro. 

O pé quere descanso e a vida anima a andar. Onde conflúen? Como combino? Ando no traballo, descanso no lecer. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario