luns, 4 de novembro de 2024

Arco da vella


Apareceu un arco da vella no salón. Sen chuvia. Reflectíronse na baldosa fría e gris unhas liñas de cores rechamantes, como trazadas pola inocencia infantil. Aínda durou o contrasol cubrindo todo o espectro de luz. E sen chuvia.

E despois veu ata min a mocidade do pasado antigo e do pasado novo. Chegou Viana a Catoira e Meaño tamén. Progreso, avance, cadaquén no seu. Un neno que é home con memoria. Unha nena que é muller con talento literario. Son as cores do meu arco da vella. As pingas de luz que van quedando atrás, sempre plenas, cada vez máis grandes, cada vez máis rechamantes. Que sexan elas quen volvan a min é fermoso, porque iluminan de beleza o meu pasado.

Nada foi inútil mentres haxa pingas de luz detrás de min.


Ningún comentario:

Publicar un comentario