Partícula III
Saín do baño coa nube de vapor detrás de min e a inquedanza dentro. Dirixinme ao cuarto de Roque e desde a porta vino de costas, de pé, mirando pola ventá e movendo as mans, como se dirixise unha orquestra. O po azul movíase fóra. A escena era poética.
-Que fas? -preguntei nun ton moi baixiño, como temendo rachar un instante precioso.
- Xogar..., non -dubidou- debuxar.
-Debuxar? Aí de pé? -preguntei aínda cun fío de voz.
-Si, é flipante... Por fin debuxo que mete medo. Alucino!
Seguía parada na soleira da porta, contendo a emoción mentres Roque movía as mans e ría.
-Ven, mamá. Vén... Mira...
E achegueime a el; e vin o po xirando no aire, como unha espiral viva que se retorce sobre si mesma.
-Alucinas, verdade?
Esa visión do po movéndose provocaba en min unha sensación de fermosura e, asemade, de inquietude, ao non entender por que razón se movía. Era vento? Quería que fose. Pero o silencio calmo suxeríame o contrario. Non era o vento, era Roque. E o desacougo superou a beleza.
-Estás facendo ti iso? -pregunteille incrédula.
-Si!
-Pero... como o fas? -atrevinme a pronunciar.
-Non sei -dixo nun ton de voz máis elevado do normal, que deixaba percibir o abraio e o desconcerto do rapaz-. Só sei que o fago.
-Como non vas saber, mírame, Roque, -supliqueille- dime como te puxeches aí a facer... iso que fas.
Dixen "iso" porque non sabía que outra palabra utilizar.
-Ai, eu que sei. Estaba deitado na cama co móbil e tiven moitas ganas de vir aquí.
-Así, sen máis?
-Si -quedou un intre calado e continuou-. Ben, sen máis non... De súpeto sentín como... non sei dicilo...
-Por favor, Roque, intenta explicarme que pasou -preguei con calma finxida.
-Estaba aí tirado, e notei algo dentro... como un clac e pensei que o que máis feliz me facía era debuxar, pero que non me saía, mamá, non me saía, as mans non facían o que eu tiña na cabeza, e tiven que vir ata a xanela, e mover as mans e así empezou todo.
Non fun quen de dicir nada. Eu tamén sentira o clac, e tamén tivera que levar a man ao peito.
-Ves, agora consigo que a man faga o que teño debuxado na mente. Que queres que debuxe? Xa sei, voute debuxar a ti! -berrou con ledicia.
E vin como o po se agrupaba para formar liñas que se estiraban, dobraban e quedaban estáticas. E así formouse no aire, seguindo ao compás das mans de Roque, o óvalo da miña cara, o meu nariz, os beizos, os ollos e o pelo aínda mollado.
Agora vou debuxar un gato rubindo a unha árbore.
E a miña imaxe esfarelouse en diminutas partículas azuis.







