Fun conducindo ata o consolo co sol dándome directamente nos ollos entornados. Nese intre entre a cegueira e a beleza esvaeceuse a estrada. E avancei leve sen notar o asfalto nas rodas.
Percorrín un antigo camiño, de dentes apertados e músculos tensos, para atoparme de novo en marzo.
Entre falas despreocupadas cruzóuseme a morte sen decatarme, e a tristura disimulada perfilouse tras unha ledicia de plástico.
E volvín, cos ollos detrás das pálpebras semipechadas, procurando ver o destino no solpor decadente.
E repouso, pensando e bebendo cervexa.
E calmo ante un floreiro.
Entra marzo de novo.
Trae luz e calor. Pero... ai de quen non saiba recibilo sen premura.

Ningún comentario:
Publicar un comentario