domingo, 8 de marzo de 2026

Xogo sensorial



Nacen os días verdeauga, tornan despois amarelos para morrer azuis cobalto.

Deitada entre a herba inzada de margaridas novas e narcisos ananos reteño as cores no occipital. 

Sol e nubes acariñan o espazo descuberto da miña pel. Abafo e arrefrío. Poño e quito o xersei verde de la.

A gata negra sen nome achégase e lámbeme a deda gorda do pé e coa lingua rasposa faime cóxegas. Soñei algunha vez con gatiños xogando sobre o meu corpo. Eran só soños.

Planto pirixel e cilantro para dar sabor e cor ás comidas de mañá -futuro próximo-. 

Quero comer uvas e arandos, mandarinas e mazás. 

É un xogo sensorial esta vida. 

Pecho os ollos para ver con claridade. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario