Partícula II
A visión que tiña diante de min resultou aterradora. Papá e Roque rían baixo o po, mentres daban voltas coas palmas da man viradas ao ceo. Freei cun grande estrondo pois viña acelerando o coche sen ser consciente da velocidade. Pitei varias veces, e miráronme cunha ledicia limpa, como cando se descobre algo por primeira vez. Saín apurada, berrándolles que se metesen na casa; bradei unha e outra vez e de forma tan rápida que posiblemente non me entendesen. Ou esa foi a razón que me dei a min mesma para comprender por que razón non me facían caso.
Tiven que agarralos aos dous de cadanseu brazo para empurralos ao garaxe, sacudirlles o pelo, a roupa... Deime conta do meu estado de inquietude cando collín a mangueira para mollalos e meu pai me detivo coa mirada.
-Que che pasa? -dixo aínda coa boca trazando un leve sorriso.
-A min? Que vos pasa a vós? Non vedes que isto non é natural? -respondín cun ton de voz elevado e nervioso-. Pode ser po radiactivo ou veleno puro.
-Pode, tes razón, pero é fermoso e fainos sentir ben -foi a súa resposta, a mesma que pensei eu cando estaba parada dentro do coche hai media hora.
Obrigueinos a ducharse. E máis, ducheinos eu, aos dous, refregando ben ata que os seus corpos se tornaron vermellos.
Agora, máis calmada, tocábame a min. Lavei o pelo antes de nada, deixando correr a auga por riba, botei champú e rabuñei a cabeza ata a dor. Empecei co corpo. Ao fregar o meu peito, deslicei a esponxa chea de xel polo van que me quedara no lado esquerdo.
E seguín fretando a miña pel. Con forza, percorrendo cada recuncho do corpo. Notei un lixeiro proído, moi leve, onde debería estar o peito. Un case nada.
Detiven a miña man no aire un intre, deixando que a auga quente escorregase por min, allea a todo. Algo, como un relampo dentro do meu cerebro, bisboume insistente.
Volvín tocar, sen pensar en nada. Xa non había un oco.
Olleime. O meu peito xa non estaba ausente. Aquel peito ferido que me fora extirpado estaba reconstruíndose. Saín tremendo da ducha, empapada, e coloqueime diante do espello embazado polo vapor da auga quente. Con medo despracei a man para abrir un círculo no bafo á altura do peito. A través da humidade retida na súa superficie vin que non estaba a cicatriz; había un seo redondo coma o do lado.
Chorei porque non entendía; porque estaba alí de novo; porque xa non sentía esa dor no corpo e na alma que me lembraba a enfermidade... ou porque estaba ante un milagre. E eu non creo nos milagres.

Ningún comentario:
Publicar un comentario