O día caeu azul
-Partícula I-
Coa ollada prendida na estrada. Así ía
conducindo a primeira hora da mañá. Formabamos unha pequena ringleira de coches
coa mesma velocidade, a mesma marcha e o mesmo sono. Avanzabamos cara á vila
por motivos diversos, aínda que a maioría por traballo.
Escoitaba música rock na radio, para espreguizarme. Nun
tramo no que a estrada vai parella á vía, adiantoume o longo tren cargado de
máis xente. Toda ela co mesmo destino; deume tempo a ver cabezas con
auriculares apoiadas na ventá.
Pousei de novo a mirada a través do parabrisas xusto para
decatarme no vermello intenso das luces de freo do coche de diante. Eu tamén
freei sen présa, e o que ía detrás e o anterior, e así todos fomos
freando.
Axiña activei os limpaparabrisas. Non chovía, era po, ese
po do Sahara que voa ata Galicia -pensei-. Caeu un pouquiño de nada primeiro.
Un pouquiño máis despois e foi aí cando me decatei de que era azul, azul
intenso. Fóiseme a
mente á noite anterior. Ollara o ceo desde a ventá do norte, desde a que se ve
a Estrela Polar. Tamén ela me parecera azul, alí tan queda. Ben pensado, todas
as estrelas me pareceran azuis.
Despois duns segundos ida, dei unha sonora freada ao darme conta de que o coche de diante estaba diminuíndo a velocidade. Fomos abeirando ata aparcar na beiravía.
E saímos cadaquén do seu vehículo e repetimos exactamente
o mesmo xesto: miramos o ceo coas mans abertas en cruz e un sorriso de
felicidade na cara. Estabamos asistindo a algo fermoso, un agasallo da
natureza.
Entón, o home que se detivera diante de min sacudiu o po
da cabeza con forza, e o da roupa con nerviosismo, e abaneou as mans para
desfacerse del. Entrou no coche, pechou a porta dun golpe e liscou acelerando
sen nin sequera poñer o intermitente.
O resto mirámonos e fomos borrando o sorriso da cara. Imitámolo
e demos volta no medio da estrada co medo nos ollos e o nerviosismo no corpo.
A ledicia esvaeceu. No seu lugar quedou a inseguridade.
E mentres nos afastabamos, o po seguía caendo, azul, silencioso.

Ningún comentario:
Publicar un comentario