domingo, 28 de setembro de 2025

Mar de fondo

Hoxe atopeime con Mar, unha onda medrada que vén do sur da ría. Regoume os oídos de felicidade, de anécdotas, de xente. Levoume aos tempos duros por camiños de algodón de azucre, e así non é posible recoñecerme naquela lonxanía. Todo se volve chocolate con leite, zumes e bailes coloridos. 

Pasa todo, enléanse os fíos formando encaixes de seda, desbotouse o lixo. E a peneira deita fariña munda de azucre, suave e saborosa. 

E medra a infancia. 

Recoñéceme.

Bícame.

Afágame.

E eu río e amolezo.

Non sabe Mar -ou si- que con ela trae consigo outro mar, o de fondo, que se achega desde a costa ata o meu interior. E reméxeme no inicio do outono, con delicadeza e amor. 

Teño a mellor profesión do mundo. Non debo esquecelo nos días fríos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario