Ando a voltas coas acuarelas. Merquei un libro que me dá pautas para perderlle o medo ao trazo. E aquí estou, agarrada aos pinceis, á pintura e á auga, descubrindo as mesturas e as posibilidades das serdas.
Vou facendo ilustracións guiadas, sen rigor nin imaxinación. E gústame o resultado. Quizais algún día dea cor ás imaxes mentais, igual cás físicas.
Esta arte de reter o mundo nun cacho de papel acálmame. Obrígame a ter paciencia; para que o papel absorba a auga e as cores se fixen; para que o tempo discorra áxil.
Sempre amei a beleza en calquera xeito que se presente. Aborrezo a fealdade, que nada ten que ver con canons estereotipados. A xeito de exemplo doado, unha persoa subxectivamente fermosa pode ser horrenda por dentro. É o coñecemento o que determina a beleza. Hai música insoportable para min e ruídos sanadores. E tamén cadros, cores, sabores...
E como amo a fermosura, procúroa ao meu lado en cada cousa: na cunca e a culleriña; nos rotuladores e o caderno; no bote de xel e o peite...
Non é teima. É un estilo de vida que me senta ben.

Ningún comentario:
Publicar un comentario