Hai poesía no día a día. Vexo versos nun peiteado, nun rizo que esvara pola tempa. Ulo a rima doce da crema que se derrete nas mans, entre os dedos cálidos. Escoito o ritmo lírico; un espray, o roce das páxinas do libro...
Sempre permamece en nós.
Hoxe vivín dentro dun poemario. De delicadeza e chuvia. De sensacións e dor. Soltei a mente a bailar, cadenciosamente. Sen marxe para o arrepentimento.
Foron as palabras medidas, sen sinalefas, sinéreses ou diéreses. Pracer e conmoción. Esvararon da lingua e esparexéronse na dirección correcta, como un foguete que ilumina a noite.
Charamuscas a voar, nun remuíño perfectamente incontrolado.
E todo se uniu para escribir o día. Palabras, emocións, sensacións e recoñecemento.
O poema perfecto é espontáneo. Nace e morre no instante. El é o seu propio amo. Eu unha humilde serva que se pon en marcha tras unha orde silenciosa.
El decide cando, onde e como nace. Foi hoxe. Desde a mañá ata a noite. Nun salón de peiteado, nun supermercado, nunha copa de viño, nun bazar chinés, no coche.
Por que?
Porque así o quixo.
Vangarda plena. Poema nacido do tacto, olor, sabor... Unha pedra redonda que todo o contén. Un seixo que baixa tolo e controlado pola costa.
Sairei do poema como unha fiinda que se vai desprendendo, deixando unha estela de verbas caendo na soleira.

Ningún comentario:
Publicar un comentario