Hai dúas formas de andar pola vida: mirando para o chan ou alzando a ollada ao ceo.
Quen fai o primeiro demostra realismo, mira onde vai pisar, evita unha caída e ás veces atopa moedas. Non está nada mal, mellora a seguridade e a economía.
Despois están os e as idealistas, pasmando coas nubes que pasan, os paxaros voando. Tampouco está mal, sabes se vai chover e de onde vén o vento.
Os primeiros son pesimistas; o chan é escuro e limitado; o camiño, a liña recta ou curva que cómpre seguir. Non queda espazo para moitas voltas nin sustos.
Os segundos son optimistas; non hai límites nese ceo azul, nin as nubes da tronada esquecen o lostro cheo de luz e enerxía. Voa a imaxinación máis aló das estrelas e os meteoros.
Hai unha terceira opción: quen mira de fronte. Non se concentra en nada concreto, pero a panorámica é perfecta. É o único grupo que non bate cunha árbore nin cae nun cavorco. Pero tampouco atopa tesouros nin vive dentro dunha obra de arte.
Eu adoito mirar de fronte, pero non podo evitar mirar arriba, as formas das nubes, os paxaros, as follas que se lanzan ao vento, os foguetes de cores, os avións e as súas estelas, as cores do sol que vén e vai... Ao mellor todo apareceu desde que me cagou unha gaivota no centro de Viveiro, e só ando ollando de reollo a posibilidade doutra cagada das boas.
Ao chan poucas veces dirixo os ollos, e, de o facer, é máis ben para non esmagar unha lesma. Aínda así non son optimista por natureza, senón por autoobriga.
Ningún comentario:
Publicar un comentario