sábado, 27 de decembro de 2014

27 de decembro

O que é dispor de tempo libre e gañas de superar a barreira dos cen!!! Paseo por casa. Quedamos en Catoira, percorrendo parte do paseo por detrás de Cedonosa. Por susposto vimos gaivotas choronas, unha garza real, un corvo mariño, un bilurico bailón, estreliñas riscadas a montes, pegas rabilongas, unha lavandeira real, un ferreiro bacachís, un miñato común pousado nunha viña e... un novo paxaro:

101. Pincaouro común (Carduelis spinus): sobre as catro da tarde había varios exemplares sobrevoándonos, logramos tirar fotos e identificalo.




 


 

venres, 26 de decembro de 2014

26 de decembro

Aproveitando o bo tempo invernal decidimos achegarnos ata a Lanzada, concretamente á zona do complexo intermareal Umia-O Grove para avistar máis paxaros. Moitas garzas reais, algún corvo mariño, zancudas inidentificables desde a distancia, carráns cristados, lavandeiras reais, e patos, moitos patos, sobre todo lavancos reais, pero no medio... unha nova especie. Pero antes, ao pouco de saír da casa, en Catoira, fotografamos un paxaro nunha silveira; ao chegar a casa sorprendémonos porque aínda non o viramos, así que... outros dous exemplares máis:

99. Picaxuncos común (Cisticola funcidis): sobre as tres e media da tarde, fría pero soleada, veu pousarse sobre unha silveira, mirounos, deixouse fotografar e liscou. A proba queda nesta imaxe:



100.Pato asubión europeo (Anas penelope): había un montón, mesturados cos lavancos reais; a cor vermella da cabeza, a parte de atrás branca,... non deron lugar a dúbidas.


xoves, 25 de decembro de 2014

As fotos de Rita

Hoxe acompañounos Rita durante o paseo vespertino polas marxes do Ulla; comezamos en Catoira e alí, moi preto na nova ponte do AVE vimos ao martiño peixeiro pasar voando, en voo rasante e a toda velocidade, inconfundible coa cor azul verdosa das súas costas. Manu logrou tirar a foto mentres Rita e mais eu flipabamos.


Tamén avistamos garzas reais; había alomenos tres, tranquilas, nun dos illotes do río.



Tamén corvos mariños; un deles fixo un tremendo ruído batendo as súas ás na auga, cremos que para espantar unha garza real que fuxía diante del, como se pode ver na foto:



De Catoira liscamos cara a Bamio, a unha pequena praia na entrada, xunto o mar pequeno. Ao chegar alí quedamos coa boca aberta: a paisaxe era tan fermosa que fixo que Rita exclamase:"O que se perden os que viven en Madrid". Aquí queda unha das fotos que sacou Rita, non me digades que non ten bo ollo!


 
Esta primeira parada en Bamio deixounos unhas preciosas fotos, tamén na retina, un pilro voando que non logramos identificar e un grupo indefinido de patos nadando no medio da ría. Como a marea estaba alta non puidemos pasear moito así que botamos a andar (en realidade fumos en coche) cara á praia que está ao lado do camping de Bamio.
 
Fixémolo en boa hora pois o luscofusco era espectacular. Como dicía Rita, a nosa paisaxe é tan fermosa coma calquera outra e mesmo máis.
 

 
O mellor foi que naquel solpor rosa, laranxa, verde, etc. recortábase a silueta de dous cullereiros, co seu gran pico.


Aquí quedan outras fotos do atardecer sacadas por Rita:





25 de decembro

O Apalpador deixoounos un fermoso agasallo en forma de solpor de cores en Bamio: laranxa, azul turquesa, rosa, vermello, verde... e unha nova especie que contabilizamos a fume de carozo:

98. Cullereiro común (Platalea leucorodia): sobre as 6 da tarde desde a praia de Bamio (xunto ao camping e o cemiterio) avistamos ao lonxe dous exemplares. Desde a distancia parecían garzas pero cos prismáticos xa vimos que non. Ao achegarnos xa vimos dous cullereiros, un deles sempre cunha pata erguida. Cando botaron a voar mantivo a pata caída; mesmo cando algo máis tarde volveron seguía igual, posiblemente a tivese ferida ou rota.

domingo, 21 de decembro de 2014

21 de decembro

Onte quedamos con ganas de percorrer todo o parque natural de Carreirón, na Illa de Arousa. E alá fumos de novo aproveitando a tarde de sol. Sacamos bo proveito xa que vimos outras tres especies novas que axiña sumamos:

95. Mazarico rabipinto (Limosa lapponica): entre unha morea de píllaras alí asomaba un pico longo, metade avermellado e metade negro. Iso, a cor xeral, as listas do rabo e mais a cor das patas axudáronnos a identificalo. Na foto non se ve ben o rabo, e está algo desenfocada; realmente está recortada para illalo de todo o grupo.



 
96. Píllara cincenta (Pluvialis squatarola): había un montón e axiña nos decatamos que entre elas había outros tipos de píllaras, algunhas xa vistas este ano como a píllara riscada.




 

 
 
97. Píllara dourada europea (Pluvialis apricaria): non é doada distinguila da anterior pero notamos nelas uns lixeiros tons dourados que nos fixeron sospeitar ata determinar que si eran distintas. Aínda que na foto non se aprecie, si o vimos claro cos prismáticos.
 





sábado, 20 de decembro de 2014

20 de decembro

Despois de varios días sen poder saír a avistar paxaros por fin nos achegamos ata a Illa de Arousa, ao parque natural de Carreirón. Logramos ver tres novos exemplares:

92. Galiña de río (Gallinula chloropus): vímola desde un observatorio para paxaros; nada máis vela xa sabiamos que non a tiñamos contabilizada este ano: pico vermello rechamante, cor negra, raias branca nas ás e no rabo,...


93. Mazarico curlí (Numerius arquata): vaia pico!!! É o máis vistoso deste paxaro; de feito estaban moi lonxe pero era imposible non distinguir semellante pico. Como se aprecia na foto, había varios exemplares, moitos deles pousados sobre unha soa pata. Aínda que na imaxe non se ve moito, si puidemos vela mellor cos prismáticos.



94. Picafollas europeo (Phylloscopus collybita): xa estabamos rematando a visita cando se puxo ao noso lado. As características, a época e o lugar leváronnos ata el.


sábado, 13 de decembro de 2014

Lagarteiro peneireiro


Como non temos unha foto decente, Manu debuxou o lagarteiro peneireiro macho (Falco tinnunculus) que ve ultimamente desde o tren, máis ou menos á altura de Osebe (entre Osebe e a Escravitude). É doadamente confundible co lagarteiro buxarelo, pero este é moito menos abundante, un pouco máis pequeno (uns 10 centímetros) e non ten manchas nas costas. A femia é máis grande e non ten zonas gris-azuladas na cabeza e na cola que identifican o macho. É toda ela apencada.
Sosteñen moi ben o voo, podendo manterse sobre unha zona concreta. Cazan animaliños: réptiles, insectos e mamíferos pequenos.
É moi fermoso e Manu viuno facendo un xiro case en L e de costas. Apreciou perfectamente o lombo arrubiado, e a cabeza e rabo cincentos azulados.

luns, 8 de decembro de 2014

Paseo matinal

 

A mañá resultou agradable en contra do que se anunciaba. As raiolas do sol queceron o bosque e salferírono desa luz outoniza que o converte todo en ouro. Oímos a chuvia sen nubes. Un ventiño suave abaneaba as pólas e caían sutís gotas a centos; oíase a chuvia e non chovía das nubes, chovía das árbores! Pouca animalada, só paxaros galbáns pouco dispostos a espreguizarse; algún cantaba, soíño no escenario. Temén as lesmas paseaban gozando da humidade que se reflectía na súa pel negra. Sospeitamos da presenza do falcón ao ver unha bandada de pombas fuxir a fume de carozo sobrevoando as copas das árbores; ao pouco, seguíndoas, unha silueta fugaz e sospeitosamente estilizada. Os nosos ollos non chegaron a definila.



O ciclo da auga diante dos nosos ollos. A luz, a calor, do sol secaba os fentos e a néboa artellábase diante de nós. A lene raxeira tamén nos  quece e parados nun recuncho do camiño entramos en calor.
Xa ao final, o canto dun paporrubio chama a nosa atención; estaba ao lado pero non podiamos velo. Só o puidemos facer cando se moveu pero é que estaba moi ben camuflado. Védelos na foto de abaixo? Onde está o noso Wally cantor?




domingo, 7 de decembro de 2014

6 de decembro


Volvemos á enseada de Meaño para ver as visitas invernais. Sobre as tres e media da tarde dun día moi frío e soleado, aínda que con algunhas nubes, puidemos avistar unha mestura de aves mariñas en pacífica convivencia: lavancos reais, gaivotas choronas, escuras e patiamarelas, corvos mariños, garzotas comúns e garzas reais, pilros, patos cullerete (por fin sacamos a foto), etc. Entre eles algún que non viramos este ano, así que aumentamos a lista do seguinte xeito:

88. Cerceta real (Anas crecca) co seu característico triángulo amarelo-alaranxado na zona da cola e a raia branca sobre as ás. Case podemos xurar que no medio andaba algunha cerceta de Carolina pero como non estamos seguros, mellor non a contamos.



89.Bilurico bailón (Actitis bypoleucos): pola cor, o nerviosismo, as patas, o pico,... decantámonos por el.







Tamén observamos outros paxaros máis "de secano", nas fincas próximas ao mar. Un par non vistos ata o de agora:

90. Estorniño pinto (Sturnus vulgaris): ían en bandadas xunto cos estorniños negros. Pousaron enriba dunha viña e acabaron por collerlle gusto ao alto dunha torre do tendido eléctrico.



91. Liñaceiro común (Carduellis cannabina): ten xa a plumaxe de inverno, subtituíndo o rechamante vermello por un suave rosa. E, si... precisamos un bo obxectivo!!!!!!








mércores, 3 de decembro de 2014

30 de novembro


Esta pica dos prados é o último avistamento polo de agora que axiña contabilizamos:

87. Pica dos prados (Anthus pratensis). Ollámola o domingo 30 nas beiras do Ulla, xusto entre Bamio e Catoira e non saberiamos dicir en cal dos dous concellos estaba nese intre. Eran as 4'30 dunha tarde agradable e coa marea baixa. Estaba escorrentando un rabirrubio femia da súa pedra.
Deixamos os dous paxaros discutindo porque saímos a fume de carozo  a ver A esmorga no cine. Bestial! Tres enormes actores saíndo da pantalla para levarnos con eles á vella Auria; canda eles bebemos caña, mollámonos, rimos, choramos de rabia... Unha mágoa que Blanco Amor non puidese vela!

domingo, 30 de novembro de 2014

Agasallo de luz a finais de novembro




Despídese novembro agasallándonos cun día esplendoroso; o pouco frío e a luz de outono tinguen de novo a paisaxe. A cor outonal xa non é soamente parda: a silva vermella, a herba outra volta dun verde primaveral por obra e graza da chuvia e do sol, os subeliños rosados, o peito dos paporrubios... Durante todo o paseo estivo soando a banda sonora dos paporrubios, dos ferreiriños, dos merlos...



Saudamos a corticeira que se cubriu cun lique aveludado para pasar o inverno quentiña; non foi a única, os carballos tamén seguen a moda. As chuvias dos últimos días deixaron a súa pegada no camiño; o pedregullo desapareceu costa abaixo e no seu lugar abriuse unha fenda que nos permite ver a fértil terra negrísima coma o medo.


A nota triste xurdiu ao final do percorrido: unha píntega esmagada no medio do camiño e o son dunha motoserra cortando un vello carballo.

sábado, 15 de novembro de 2014

14 de novembro

Sobre as 4 da tarde entre A Escravitude e Padrón Manu logou avistar un novo exemplar que pasamos a contabilizar axiña:

86. Lagarteiro peneireiro (Falco tinnunculus): non hai fotos pero si descrición do animal; tiña a cabeza gris, o corpo marrón, as ás apuntadas, co tamaño semellante ao dunha pomba, o rabo alongado e coa forma de falcón, nun primeiro momento pensou nun peregrino, pero non, a cor marrón arrubiada e a cabeza gris identificárono enseguida... grazas ao gran Rodríguez de la Fuente e a El hombre y la tierra.
Fixo un voo de falcón (áxil e rápido) e pousou enriba dunha póla.

martes, 4 de novembro de 2014

Martiño peixeiro






Empezamos novembro dun xeito fermoso. Logramos ver dous martiños peixeiros, pousados ao sol tranquilamente, deixándose fotografar desde a distancia. Resulta emocionante ver tanta cor brillando á raxeira do sol. A pesar do seu pequeno tamaño é imposible non velo aínda que estea a certa distancia. É o paporrubio real da auga. Primeiro de fronte amosaba unha intensa e rechamante cor laranxa que contrastaba co azul do mar. Nun determinado momento xirouse e o sol intensificou o azul turquesa das súas costas. Subidón de adrenalina. Sacamos moitas fotos pero precisamos un obxectivo máis potente.

O avistamento foi na banda pontevedresa da ría de Arousa, en Carril e en Bamio. En dúas calas semellantes, moi recollidas e na que non hai ninguén paseando por alí. Coa marea baixa chégase pero polo medio do lodo, cunchas e auga. Parecía un bo territorio para pescar. Era entre as 15'30 e as 16'30 dun día sorpresivamente soleado. As calas quedan marcadas na seguinte imaxe:



Na seguinte foto deixamos unha vista da zona onde estaba o martiño; védelo?


sábado, 1 de novembro de 2014

1 de novembro

Entre as 15'30 e 16'30 tocou dar un paseo pola ribeira do Ulla, con paradas en Catoira, Bamio e Carril. Avistamos moitas aves xa contabilizadas anteriormente: corvos mariños reais, lavandeiras brancas e reais, lavancos, gaivotas e gaivotóns, martiños peixeiros (incriblemente vimos dous, pousados nunha rocha e nun pau e en dúas zonas distintas), pilriño patiamarelo, garzas reais (pescando unha anguía que tiraba de cando en vez ao chan para rematala) e garzotas comúns de patas amarelas,... toda unha fauna avícola mariña; pero entre ela dúas especies que non viramos este ano:

84. Bico de coral (Estrilda astrid): nas marxes de Carril chamounos a atención unha pelexa entre varios paxaros, a curiosidade de Manu levouno a otear e facer fotos ao chou, en contra da luz do sol. Xa na casa vimos que se trataba dun grupo de bicos de coral.



85. Pato cullerete (Anas clypeata): ollando para unha garza real avistamos detrás dela un par de patos nadando; nuns intres ergueron o voo xunto con outros compañeiros e xa non os volvemos a ver. Non deu tempo a fotos, pero a parte posterior da barriga avermellada chamaba moito a atención, xunto coa cabeza que parecía negra pero logo viuse verde; cando saíron voando percibíronse manchas negras.

sábado, 18 de outubro de 2014

18 de outubro

Sobre as 7 e media da tarde demos un paseíño pola beira da ría en Carril, por detrás do antigo edificio das conservas Malveira. Entre lavandeiras, gaivotas patiamarelas e escuras atopámonos cun pilriño esquivo que non viramos antes: o patiamarelo. Así que un exemplar novo para a lista:

83. Pilriño patiamarelo (Calidris temminckii). Xa sabemos que é accidental en Galicia pero coinciden moitas cousas: a parte inferior branca, a cor das patas, as plumas invernais do pescozo, a raia branca entre  as ás e a cabeza. Tamén véndoo voar se poden apreciar non só a franxa branca das ás, senón tamén unhas bandas brancas nas remeiras. En definitiva, é o que nos pareceu máis factible.Ademais anda por esta zona nestas datas, entre agosto e outubro. Había varios exemplares, contabilizamos catro polo menos.






martes, 23 de setembro de 2014



O monte segue contaxiándose do outono e empeza a empardecer; todo se cobre dunha tranquila cor dourada. Menos mal que a paxarada anima o luscofusco. Os ferreiros seguen de troula choutando de árbore en árbore: vesme ou non me ves? Subeliños, comúns, abelleiros,... ufff!Vólvennos tolos ata que desistimos da foto. Continuamos a ruta. Adiantamos a unha leeeerrrrrmmmmaaaa cachazuda. As pegas marzas seguen coa lea de onte; non cansarán xamais! Unhas pombas foxen a fume de carozo..., andará o falcón polos arredores? Máis ferreiros e paporrubios e ... un gabeador rubindo polo piñeiro, apoiándose no rabo, dá a volta, queda coa cabeza para abaixo, vai por detrás da ponla, a frouma ocúltao... outra foto perdida, agás a dos nosos ollos que o viron facer equilibrios.

luns, 22 de setembro de 2014



Paseo a media tarde. O monte parece tranquilo. Saltóns verdes, azuis,... chocan contra nós; diminutas libélulas xogan ás agachadas, mimetizándose co terreo. Dúas pegas marzas berran entre as árbores, parecen que se insultan con xenreira. Un miñato altivo sobrevóanos facendo circos no aire e afástase silandeiro. En tropel, unha bandada de paxaros cruza o camiño procurando as copas dos piñeiros, semellan xílgaros pero a faísca oculta o seu corido. A corticeira, parsimoniosa, amosa na codia unha ferida nova. E o outono entra, nos fentos, nos carballos, nos cogomelos que abrollan...

domingo, 21 de setembro de 2014

21 de setembro

Coa entrada do outono avistamos un falcón peregrino. Xa onte nos pareceu que era o que asustara a unhas pombas, pero hoxe pasou por riba de nós como un avión caza: rápido, áxil. Cazado o noso particular caza:

82. Falcón peregrino (Falco peregrinus). Non deu tempo a moitas fotos, pero Manu conseguiu tirar algunha pouco clarificadora. De todos xeitos aquí a deixamos. Pasou cinxíndose ás irregularidades do terreo: sorteando árbores, a uns catro metros de altura do chan. O máis emocionante é comprobar que hai entre nós este tipo de ave rapaz.


domingo, 14 de setembro de 2014

Avelaionas cantareiras

Onte pola noite, ás 11 máis ou menos, asistimos a un espectáculo sonoro engaiolante. Oímos un coro de avelaionas. Había tres ou catro, unha delas unha cría, situadas en tres lugares distintos moi preto da casa. Unha cantaba e as outras contestaban. A sorpresa foi cando albiscamos unha sobrevoando o noso tellado para pousar no poste de teléfono. Manu procurou tirar unha foto, pero eramos conscientes da dificultade: falta de luz e oído lixeirísimo da ave. A foto sacouse pero só se ve un vulto. Axiña fuxiu de novo cara ao monte. Eu gravei no teléfono o concerto nocturno.

Xosé Miranda no seu libro Morning Star, fala do son da avelaiona:  "Laiaba a avelaiona e alguén petaba na porta da taberna". E realmente así é o seu canto, como un lamento no medio da noite.

xoves, 4 de setembro de 2014

2 de setembro

Sorpresivamente, durante un paseo á hora de máis calor do día de máis calor deste irregular verán, Manu tropezou cun pilro en Ribas de Sil, a sorpresa impediulle sacar unha foto, pero viuno ben: pico lixeiramente curvo, cor grisácea apardazada, algo menor ca un merlo, a franxa das ás e a parte traseira brancas. Pola descrición e pola localización deducimos que se trata dun pilro cubranco, lonxe da costa pero si con presenza nesta zona. Así que, cazado:

81. Pilro cubranco (Calidris ferruginea); vista ás 14'30 no río Sil, que baixaba con pouca auga, ao final da zona de san Clodio, nun lugar onde o río forma unha curva. Alí, á sombra duns loureiros, castaños e carballos, estaba entre as pedras xa coa plumaxe invernal escapando da asfixiante calor. Imaxinamos que o nome científico procede da cor que ten no verán.

luns, 1 de setembro de 2014

Gabitas voando



Pouco hai que dicir desta imaxe. Unha bandada de gabitas sobrevoando o areal de Corrubedo. É imposible non ver o pico vemello entre as plumas negras e brancas.



Vímolas tamén a comezos de xullo en Pontedeume.

31 de agosto

A praia Ladeira déixanos bastantes avistamentos; moitos deles complicados de identificar pola distanza e o cambio de plumaxe, pero ás veces non hai dúbida ningunha, coma neste novo caso; entre píllaras, gaivotas, gabitas e algún que outro bilurico ou mazarico, atopamos unhas píllaras riscadas; así que chegamos aos 80 avistamentos:

80. Píllara riscada (Arenaria interpres); desta si logramos sacar varias fotos, como mostra a que publicamos dunha parella que amosan a plumaxe unha máis de inverno e outra máis de verán.