mércores, 30 de decembro de 2015

96. Pato asubión europeo


Avistamos o asubión europeo tamén no esteiro da Lanzada o domingo 27 de decembro. Aínda que na foto non se ve moi ben, si é doado distinguir as súas características básicas: pico e caluga abrancuxadas, cabeza castaña, rabo negro aguzado. Había menos exemplares ca lavancos reais e patos rabilongos, pero alí estaba nadando entre eles.


O seu nome científico é Anas penelope e en castelán chámase silbón europeo.

95. Pato rabilongo

Despois de dous meses afastados deste gran ano, por fin puidemos saír de novo cazar paxaros. Achegámonos este domingo 27 de decembro ata O Grove na procura de novos avistamentos. E atopamos moitos lavancos reais e, no medio deles, varios exemplares de patos rabilongos.


Inconfundibes cos seus longos rabos arrichados e o peito branco con esa liña que sobe ata detrás do ollo.


O seu nome científico é Anas acuta e en castelán chámase ánade rabudo.

luns, 23 de novembro de 2015

Paseo outonal

Paseo despois de comer, moi cedo, a iso das tres, coa pasta aínda sen dixerir. O monte da Cabana atráenos e alá imos, preparados, coa cámara e os prismáticos por se acaso..., por se acaso aparece un paxaro, un raposo, un xabaril. Non había moita animalada a esas horas, así que alancamos polo monte arriba escorrentando a friaxe que por fin chegou. Ante esa ausencia deleitámonos coa paisaxe, as árbores e a luz do sol, xa incriblemente minguante, xogando con elas.


A subida fainos entrar en calor. Uns ferreiros saltan entre as follas outonizas dun castiñeiro. Amarelas, marróns, laranxas, verdes, vermellas. Puntillismo natural. Un miñoto bota a voar, calado, tranquilo, da póla dun piñeiro, e marcha pousarse lonxe das nosas olladas. Era moi escuro, coas características manchas brancas na parte interior das ás.


Seguimos as pegadas do xabaril. Levamos o seu mesmo camiño. Esta vella parede lindada por carballos chama de novo a nosa atención. Sempre nos paramos a mirala. Hoxe chea de brión verde contrasta cos fentos secos, pardos, que a rodean. Preto está a corticeira, esperándome. O meu abrazo. A súa tranquilidade. Coa cortiza engurrada e ferida; cunha marca vermella de propiedade. Propiedade!? Pode pertencer a alguén, ela, á que pertence o tempo?


Xa ao luscofusco, cruzóuseme un raposo, que, asustado coas luces do coche, fuxiu entre as leiras na procura da cea. Ai, as galiñas de Mari Carmen!!!!

xoves, 15 de outubro de 2015

Peto real


Esta semana rebicimos a visita dun peto real. Non son doados de ver, realmente son moi esquivos; aínda que se lles oe ben, non é habitual velos tranquilamente pousados pois axiña nos oen liscan voando a gran velocidade. Pero este chegou, apousou no cable e estivo alí ata que pasou un coche espantándoo.


Aínda que non foi moito tempo, conseguimos tirarlle unhas fotos desde lonxe; nestas véselle ben a parte de atrás da cabeza vermello.
O seu nome científico é Dendrocopos major e ten varios sinónimos no noso idioma: piquelo ou picapaus son dous deles.


Aparece na nosa literatura como no libro de Hixinio Pontes O bandido Casanova facendo referencia ao seu característico son á hora de picar nos pinos: “Xa principiaban a petar forte nas táboas do teito os gotóns gordos da chuvieira como se unha niñada de petos peteirasen un furado na madeira.”

xoves, 17 de setembro de 2015

O novo membro familia


Aquí está o novo membro da familia. Un ourizo cacho ou o que é o mesmo un Erinaceaus europaeus. A primeira vez que o vimos estaba totalmente metido no prato da comida dos gatos; fomos darlles as boas noites ás nosas gatiñas e alí estaba el; quedou inmóbil en cando nos oíu ata que, de súpeto, liscou a fume de carozo para detrás da leña. Volvemos a velo un par de veces pola noite, pero o de hoxe foi unha presentación formal e a plena luz do día.



Rita foi xogar coas gatiñas e sentiu bulir algo dentro dunha caixa de cartón. Axexou pensando nunha das gatas máis vellas, que seguen agochándose de nós. Pero non, era o ourizo cacho. A rapaza entrou na casa facéndonos partícipes do seu achado animal. E alá fomos. Depois das formalidades pertinentes e unha breve caricia nas súas duras e picudas pugas, deixámolo tranquilo e volveu para a súa casa: o recuncho detrás da leña. Benvido ourizo!!!!

mércores, 16 de setembro de 2015

94. Chasco rabipinto


Aínda que o colgamos hoxe, este chasco rabipinto vímolo o luns 14 en Catoira. Tivemos moitas dúbidas pero finalmente, a parte superior cabeza parda, o mancha branca máis preto da cabeza, o papo máis claro e unha liña (que noutra foto se ve sutilmente) branca enriba do ollo, fixéronnos decantar polo rabipinto. Supoñemos que estará de paso volvendo para África. O nome científico é Saxicola rubetra e en castelán chámaselle tarabilla norteña.

93. Picafollas ibérico


Este picafollas ibérico (Phylloscopus ibericus) viuno Manu en Padrón hoxe, mércores 16 de setembro, sobre as 12 da mañá. Había un grupo deles, uns cinco ou seis, revoando entre as árbores, os matos e as plantas. En castelán chámase mosquitero ibérico, ... será porque se alimenta de mosquitos?

92. Avelaiona común

Seguimos sen ter foto da avelaiona pero por fin a oímos este ano. Non sabemos onde estivo metida todo este ano. Finalmente fixo acto de presenza a noitiña do luns 14. Así que... cazada!

domingo, 6 de setembro de 2015

Galiñola negra e cría de cisne


Quen diría que a cría é máis grande cá adulta; claro que son especies distintas pero parece que o cisne pode papar a galiñola dunha mordedela. É curiosa tamén a postura do cisniño, erguendo unha pata supoñemos que para quecela coa caliroña do sol.
A foto tirouse en Valga, concretamente na lagoa de Campaña.

Mergullón pequeno

O sábado 5 de setembro avistamos este mergullón pequeno no esteiro de Pontedeume sobre as 7 da tarde. Estaba el só, como non, mergullándose continuamente. Volvemos velo na mañá do domingo pero no río Covés. O seu nome científico é Tachybaptus ruficollis. En castelán chámase zampullín común. É doado de distinguir polo seu reducido tamaño, uns 25 cm, a cor avermellada da parte interior do pescozo, mentres a zona exterior deste xunto coa cabeza son grises e as plumas do cuíño abrancuxadas.

luns, 31 de agosto de 2015

91. Picanzo pequeno


Avistamos en Catoira, o luns 31 de agosto, este picanzo pequeno. Xa sabemos que aquí é accidental e case nin se ve, pero, cousas da vida, hoxe pousou nun cable ao noso paso. Eran as 12 da mañá e só vimos este exemplar, que revoaba entre o cable e o chan. Ao principio pensamos que era o real, pero fáltalle a raia branca sobre o ollo, e a franxa negra chégalle moi arriba dos ollos, a mancha branca das ás tamén é máis pequena,... en fin, que ten que ser o pequeno.


O seu nome científico é Lanius minor e en castelán é o alcaudón chico.
Curiosamente nunca viramos alcaudóns e neste verán xa vimos dous distintos: este e o vermello.



mércores, 19 de agosto de 2015

90. Merlo rieiro

Por fin vimos o merlo rieiro. Fomos a por el ata Caldas; sabiamos que está no paseo fluvial, así que, a iso das seis e media, demos unha agradable camiñada ata as "piscinas" e polo camiño cruzámonos con el. Só vimos un exemplar que chegou e axiña liscou. O seu nome científico é Cinclus cinclus e en castelán é o mirlo acuático.

luns, 17 de agosto de 2015

Cuco


Este ano veunos visitar o cuco á Viladesuso. Cantou no monte da Cabana e aniñou ao lado do parque infantil. Alí oímolo e vímolo. Aínda que as fotos que acompañan esta entrada non son de cucos catoirenses senón sonenses; sacámolas ao lado da praia de Nemiña a finais do mes de xullo.


Era pola tarde e estaba el só. Viuno Manu baixar dun cable da luz e pousar no chan, e de alí voou ata unhas árbores, baixou ao chan,...

Como paxaro habitual no noso territorio e característico polo seu canto anunciador da primavera, tiña, por lóxica, que ter un espazo nas nosas letras e na nosa fraseoloxía. A sabedoría popular asóciao a beleza, a astucia e a idade, véxase senón: se nos din que "estamos moi cucas" é que somos bonitas e graciosas (non sei se realmente vén do animal). Ai!, pero cando alguén di que "oiu cantar más de catro cucos" é que un xa vai vello velliño, o mesmo ca "Non se oe outro cuco!".
Como xa dixemos noutra entrada, cando se oe o cuco hai que ter a barriga chea e cartos no peto, pois así será o resto do ano en canto a estes dous aspectos.


A literatura tamén fala do cuco. Por exemplo Uxío Novoneyra en Os eidos cita ao noso animal:

Canta o cuco cala e canta
dos castiñeiros do val.
Pasa o tempo e nion di nada
e volta o cuco a cantar.
interesaba poñerse a mal cos veciños…

venres, 14 de agosto de 2015

Líos de gatas


Tres preciosas gatas. Preciosas e rebuldeiras. Pero teñen a súa historia case de telenovela. A máis vella é unha gata asilvestrada que vén de cando en vez pola nosa casa porque lle botamos comida. Hai unhas semanas pariu, e acabou traendo tres crías para o noso garaxe: unha siamesa, outra negra e unha terceira branca e negra. Estas tres crías desapareceron de súpeto. Sospeitamos que as agochou no motor do coche sen nós sabelo e acabaron tiradas por aí; mellor nin pensalo!
A cuestión é que a gata case tolea; miañaba chamando por eles a todas horas. Ata que uns días despois aparecen dous gatiños preciosos, un siamés e un negro, con ela. Volveran? Non, estes eran máis cativiños.


Asemade, unha gata negra, tía da que perdeu as crías, aparece despois dun tempo e miañando na procura dos seus fillos que a primeira lle secuestrara!!!! Pero a gata pinta logrou correla do garaxe e a outra nai quedou sen as fillas. Nas fotos vemos á "secuestradora" coas gatas adoptadas, que ela considera que son realmente súas. Non hai máis que ver o abrazo que lle dá a unha na foto de abaixo.


Pero a cousa non quedou aí. A gata negra tiña tres crías máis que acabou traendo para o curral do veciño. Os seus gatiños empezaron a miañar, a nosa gata pinta oíunos... e lembremos que a ela lle faltaron tres e só "recuperara" dous, así que... foi a polo terceiro, o pinto. E tróuxoo. Só que este tiña un problema de "estabilidade" xa que non era capaz de dar dous pasos seguidos sen caer; non sabemos cal era o problema pero rematou morrendo días despois. Neste caso a nai aceptou a morte do fillo, non como da outra vez que desapareceran sen máis.
Non fai falla dicir que desde aquela non se arranca o coche sen mirar antes por andan os gatos!


Este é Lepi, ou Lepias, o nome venlle de que cada vez que durmía se lle pegaban os olliños coas lepias. Logramos collelo e sacarllas cun algodón e despois xa recorremos a un colirio magnífico que lle deixou á vista os seus ollazos azuis. É o responsable de que eu, que non me gustaban os gatos, me encariñase con eles.


Esta é Barri ou Barriga, chámase así porque nos gusta moito a súa barriguiña. É máis grande e aventureira ca Lepi.


As irmás fregando o peteiro despois de beber leite moi frío.

O lío de gatas parece ter rematado. A nai verdadeira, a negra, empeza agora a achegarse por aquí e a adoptadora xa llo permite; supoñemos que xa non ve risco de que poida levar as crías con ela. Onte estiveron cara a cara Barri e a nai verdadeira, pero a gatiña axiña saíu correndo sen recoñecela.
Temos que ser moi cautelosos, pois cando a nai sospeita que llos podemos quitar ou cheira un perigo, cólleos e lévaos fóra, co conseguinte susto noso ata que os volve traer. Fíxoo unhas tres veces e na última pasámolo mal porque había un can rondando. Estivemos espreitando ata que Manu llos foi buscar; á nai convencémola de que todo ía ben con... comida.

Bubelas

Este mércores recibimos a visita dun par de bubelas que apousaron nun cable xusto diante da casa. Había moitos, moitos anos que non vía unha bubela por estes lares; así que agradezo a breve parada que fixeron xusto diante da fiestra da cociña, o tempo xusto para sacar unha mala foto.


Este paxaro tamén ten cabida na nosa literatura. Como exemplo este fragmento de Anxo Angueira pertencente ao seu libro Iria, no que fai referencia ao seu voo:

“O topógrafo recolle a trepia do taquígrafo, o rapaz a regra de dous cincuenta, e regresan á horta de Cabo cara ó campo da Torre. O rapaz axudante enreda ollando o voo sincopado da bubela. Soa o aviso da corneta dos barrenistas."

Tamén a nosa fraseoloxía recolle ditos sobre este animal, e todos fan referencia a certa peculiaridade que non sei se é certa nas bubelas; así "ser unha bubela" e ser unha persoa pouco seria; e "ter cabeza de bubela" é ter pouco siso, é dicir, ser un pouco aloucado. Ben, eu estas bubelas vinas serias e recatadas, pero nunca se sabe porque a sabedoría popular tende a ser moi atinada, vaites, non ten cabeza de bubela!


luns, 3 de agosto de 2015

89. Bubela común


Tamén no concello de Muxía, preto de Lires, cruzóusenos unha bubela común por diante do coche. Foi o venres 31 de xullo á tarde. Obrigounos a parar a coche e esperar a súa volta. E volveu. O seu nome científico é Upupa epops, e en castelán é a abubilla.

88. Picanzo vermello

Por fin vimos o picanzo vermello (Lanius collurio). Foi o venres 31 de xullo na praia de Nemiña, en Muxía, pola tardiña. Só había un exemplar e non deu tempo a moitas fotos. O nome en castelán é alcaudón dorsirrojo.

87. Corvo carnazal


Avistamos o corvo carnazal (Corvus corax) o xoves 30 de xullo camiño do cabo Touriñán, no concello de Muxía. Foi pola tardiña e alí apareceu este único exemplar enriba dun cable. En castelán este é o corvo común.

domingo, 12 de xullo de 2015

Cerceta de colar


Esta cerceta de colar vímola na lagoa (antiga canteira) de Valga, que está na recta de Campaña. Estaba só o macho, non vimos ningún outro exemplar; este seguía de cando en vez un grupo de lavancos reais, pero axiña quedaba afastado deles, non sabemos se estes o evitaban ou que non era capaz de seguir o seu ritmo. Manu tamén o viu hai un par de meses en Santiago, nunha lagoíña ao pé das vías do tren.
É orixinario de América do Sur e non debería habelas aquí, pero véndense pola súa fermosura; de feito se un procura en internet vemos que se atopan á venda.


É un animal moi fermoso: o pico gris, as patas rosadas, o peito rosado con pencas escuras, unha risca negra que vai da fronte ata as costas, as ás vermellas e tamén azuis, por veces verdes. Ten un tamaño bastante máis pequeno ca un lavanco real.
O seu nome científico é Callonetta leucophrys.

Andoriñas comúns bebendo en Pontedeume


Andaban as andoriñas comúns por Pontedeume celebrando o verán. Vese que tiñan sede porque se achegaban á auga cun voo rasante, bicábana e remontaban de novo. O seu nome científico é Hirundo rustica, pasa o inverno en África e o verán por toda Europa.


Na nosa literatura abundan as andoriñas; Uxío Novoneyra por exemplo, no seu libro Os eidos menciónaas neste poema escuro:

OLLO o ceo mouro cun medo antergo.
Torna a abella ó trobo.                                                          
A andoriña cingue o voo.

Van as nebras do trono nun son agoreiro.


Pero xa Manuel Murguía en Dende o ceo, editado por A Nosa Terra, se lembra delas neste fragmento:

“Algunhas pombas que viven naquel retirado lugar, e as andoriñas teñen ao mesmo tempo o seu niño e unha atmosfera onde revoan asustadas polos ladridos dos cans, gardiáns do bosque e do claustro mesmo.”



xoves, 9 de xullo de 2015

Vencellos cazando ao solpor


Logo dun día abafante, prestaba tomar ao solpor unha cervexiña no xardín. Pero non estivemos sós, unha bandada de vencellos comúns saíron a cear; cruzábanse como tolos pero sen chegar nin sequera a rozarse. Había uns dez na procura de insectos. É o primeiro ano que os vemos por aquí e, por suposto, son benvidos. Será por eles que notamos menos mosquitos cando sentamos fóra da casa?
Ao lonxe cantaba un peto verdeal. Un merlo veu posar enriba dun cable admirando o espectáculo culinario. Os chíos dos vencellos resoaban de cando en vez. Un libelulón tamén fixo un par de voos rasantes na procura do seu alimento, pero axiña liscou.
Ían ser as dez e media e aínda había luz suficiente como para afirmar que era de día.







Daquela os morcegos tamén saíron de caza pero respectando a área cinexética dos vencellos, os cales voaban por un nivel superior ao dos morcegos, que o facían moito máis baixo. 

Estes últimos tiñan un método no seu percorrido: saían dous pola nosa esquerda por detrás da casa, un rodeábaa e volvía meterse pola dereita, mentres o outro seguía ata o ciprés de enfronte, botaba alí uns minutos e marchaba por onde antes o fixera o seu compañeiro.
Logramos sacarlle un foto a Batman!!!!

Para rematar a xornada tamén o gato saíu de caza. Desde que ten tres crías non hai comida que lle chegue. 


Aínda que parece de día, non o é. Na imaxe está tanteando o terreo, disposto a lanzarse sobre algún insecto terrestre. É dicir, respectando aos seus rivais cazadores: cada un no seu sitio.

mércores, 8 de xullo de 2015

Praia da Ladeira case deserta

O día estaba case perfecto para unha tarde de praia, agás polo vento intenso por veces que nos arrastraba pola area. Ás tres e media da tarde o areal estaba case deserto. Aínda que nestas datas non esperamos ver moita paxarada sempre atopamos algo por alí. Están as lavandeiras que nos acompañan case todos os días; as de hoxe estaban descoloridas de amarelo polo que chegamos a sospeitar se serían as mouras, pero non, eran un par de reais, ou iso nos parece agora vendo a foto, aínda que alí perecían moi pardas. Supoñemos que é un exemplar novo.


Máis adiante, no final da praia da Ladeira, xunto ao río que separa esta da praia do Vilar, atopámonos cunhas tres píllaras papudas, que nos esquivaban a saltiños, correndo case sen tocar a area, como adoitan. Case nin se lle ve na foto.


Agás unhas poucas gaivotas choronas e patiamarelas nada máis vimos que voase; pero a sorpresa veu do mar. Unha aleta animou as ondas, e detrás dela outra máis. Nun determinado momento a auga moveuse máis da conta, semellaba un xogo ou unha loita entre dous exemplares. Manu logrou tirar unha foto curiosa, collendo un arroaz real xusto no intre en que, logo dun chimpo, se metía de novo na auga.


Despois diso afastáronse mar adentro e non os volvemos ver. A xornada rematou coa recollida dunhas cunchiñas de cores que se van meter dentro dun bote de cristal.

86. Píllara papuda


Apareceu a píllara papuda na praia da Ladeira en Corrubedo; estaba moi preto da pria do Vilar, xunto ao río que as separa. Vímola sobre as catro da tarde e había outros dous exemplares xunto á da foto. O nome científico é Charadrius alexandrinus e en castelán coñécese como chorlitejo patinegro.

martes, 7 de xullo de 2015

Paseo a carón do noso Ulla

Quedamos de novo na casa para dar o paseo de hoxe, nunha tarde cuberta aínda que veces quecía o sol. O paseo fluvial de Catoira ten certo engado, hai recunchos magníficos dos que parece que vai saír un "pequeno" pero letal dinosauro. Menos mal que non foi iso o que nos saíu ao paso, senón moita paxarada e algún réptil. Unhas das primeiras en saudar foi unha lavandeira real, que enriba dunha árbore cantou e posou con toda naturalidade:


Véselle ben a cor amarela en case toda a parte inferior, cunha mancha branca no papo. Pero axiña atopamos cun pardal común, tamén tranquilo enriba dun fento.


Vese que a esa hora pasaba pouca xente pois os paxaros estaban máis repousados do habitual. Entrementres avistamos un chasco, uns subeliños e algunha que outra libeliña, ata que un cantar moi próximo entre os xuncos nos fixo parar e esperar. E localizámolo. Era un carrizo, pequeno pero cuns grandes pulmóns cantareiros.


Xunto á telleira sobrevoáronnos tres miñatos e unha bandada de andoriñas de cu branco. Xa de volta foi un lavanco real o que pasou a fume de carozo sobre as nosas cabezas. Na nosa antiga praia, Portechán, tivemos que facer unha parada de rigor ante un reclamo que, xurariamos, era dunha galiñola negra común. Por máis que esperamos non a demos visto, pero cantar, si que cantaba.

luns, 6 de xullo de 2015

85. Escribenta real


Vimos esta escribenta real na parte sur do Porto do Son, preto de Espiñeirido, o domingo 5 de xullo sobre as 18'30. Pensamos nunha escribenta liñaceira nun primeiro momento, pero analizándoa máis detidamente: a cor amarela forte, a ausencia de mancha escura no papo e as riscas da cara menos marcadas, fixeron descartar á liñaceira en favor da real. O nome científico é Emberiza citrinella e en castelán chámase escribano cerillo. Na primavera está máis amarelo na cabeza e o peito máis avermellado.

venres, 3 de xullo de 2015

Bico de coral común


Segue medrando a colonia de bicos de coral. Hai moitos exemplares asentados xa en Catoira, vimos un bo grupo deles en Gondar; andaban nunha zona con prado pero tamén de cultivo: vide, millo, etc. É un paxaro moi pequeno pero doado de ver pola cor do pico, parece ser que ten orixe africana, en concreto do Senegal; vaia, un emigrante máis que escolleu unha boa terra para asentar, como milleiros de galegos; menos mal que este non precisa papeis. Claro, que está a outra cara, o impacto de fauna allea no noso territorio, e todo por querer gozar da beleza inmediata engaiolando paxaros.