Non
quere lembrar aquela época angustiosa. Nin pensar no día en que coñeceu a
Paulo. Acudiu canda todas as familias á entrega dos bebés. Esperaron fóra
daquel orfanato, unha casa alongada coas paredes cheas de escachaduras pero cun
tellado novo. Alí esperaban cando foron saíndo mulleres uniformadas con nenos e
nenas. Uns andando, outras no colo.
Cando
chegou a súa quenda apareceu unha muller que aparentaba demasiados anos. Aurora
fixouse no vurullo onde viña o neno; unha manta amarela que practicamente o tapaba
enteiro, e na que destacaba unha manchiña negra que se ía descolgando a medida
que se achegaba. Os ollos dirixíronse a esa mancha, unha arañiña que descendía
pola tea. Unha araña minúscula. Unha araña repulsiva. A araña que sempre a
paralizaba.
Instintivamente
ocultou a man dentro da manga da camiseta de algodón branco cando se atopou cos
ollos escuros de Paulo. Miráronse e amouno. Ningunha fobia o afastaría xamais
del, así que coa man metida na camiseta agarrou a araña e esmagouna entre os
dedos. Notou a humidade a través da tea antes de abrazar o neno.
Agora
xa estaba na casa. O lugar máis seguro do mundo para Paulo. Nada había alí que
puidese ferilo a non ser o exceso de amor da nai.
Aurora é
a personificación da felicidade.
Paulo dorme
no berce, no seu cuarto decorado con detalle por un interiorista infantil. Luz
perfecta, calor axeitada, cor tranquilizadora. Na cociña Aurora cantaruxa
arrolos e baila descalza mentres prepara un biscoito. Móvese con axilidade
provocando ondas na súa saia.
Paulo
esperta e xoga co móbil colgante que lle regalara súa avoa. Enriba del penduran
un peixe prateado que cambia de cor dependendo da luz; unha bolboreta que contén
todas as cores imaxinables; un paxaro que canta cando se aperta; e un polbo
cos oito tentáculos dos que saen notas musicais só
con rozalos. Paulo xoga. Toca a bolboreta e tira dos fíos a modo de antenas cos
que sobe e baixa. Ri. Óllaa. Agora roza o paxaro pero non logra apertalo. Mira
o polbo. Ten nove patas. Unha negra no medio que antes non tiña. Paulo non é
capaz de afastar os ollos dela. Esta nova pata móvese; descende amodo desde o
centro. Paulo ri. Esta pata ten patas e pelo e Paulo fai acenos para agarrala. Esta
pata é unha araña de mirada negra. E Paulo síguea cos ollos. Esta pata ten
vida. O neno estira as mans cara a ela pero está moi arriba. E roza o tentáculo do
polbo que emite o son dun fa.
Aurora
oe a música do polbo. Arregala os ollos e devece por bicar o neno. Vai xunto
del cantando. Non pode deixar de miralo. Aparta o móbil de animais e cólleo no
colo. Baila con el e bícalle as orellas cando oe a alarma do robot de cociña.
Volve deixar a Paulo no berce. Coa man dereita acaríñalle a fazula mentres que
coa esquerda coloca o móbil de novo e roza, sen sabelo, a araña.
Marcha
á cociña. Paulo segue xogando co peixe tornasol e o polbo musical. A araña
volve baixar pola arañeira pegañenta. Agora Paulo toca o tentáculo do mi, e a
araña achégase ao seu dedo mainiño. O neno estira a man invitando a súa nova
amiga. Ela sobe á unlla. Ten que poñer parte das súas patas noutro dedo para
manterse en equilibrio. Avanza ata o pulso e apréixao como se medise o seu ritmo
cardíaco. Óllanse. O animal avanza polo brazo mol. Detense no pescozo como
decidindo a onde ir. Diríxese cara ao peito sobindo e baixando coa respiración
do rapaz.
Aurora
entra no cuarto e ve a escena. A respiración detense e os ollos énchense de
fume. Respira profundamente, como lle indicara a psicóloga. Aspirar tres
segundos, aguantar tres segundos e expirar tres segundos. Abre os ollos. A
araña míraa a ela. A ameaza entrou na casa. Ten que reaccionar. Recúa cara á
cociña. Colle unha xerra de auga e un prato. Debe ser forte. Debe loitar polo
fillo. Ten que sacar a ameaza da casa.
Móvese
como un soldado nunha misión de guerra. Con lentitude e determinación. Non pode
golpear enriba do neno, debe meter o monstro na xerra, tapalo co prato e
desfacerse del.
Silandeira
achégase ao berce. Agarra a xerra con forza e diríxea cara ao bicho. Está a
punto de tocalo cando esta me move lixeiramente cara a un lado. O neno mira a
súa nai asustado. Ela mantén firme o pulso a pesar do pánico. A boca da xerra
xa tocou unha pata da araña, quen intenta fuxir, pero Aurora empúrraa dentro co prato e encérraa no cárcere de vidro. Xa a ten. Mira o monstro encerrado. Agora, ollándoo, sente que lle falta o aire e alasa. Nese intre Paulo solta un berro
infinito que soa como un non. Aurora
co susto solta a xerra, que escacha en mil anacos rodeándolle, como a escuma do
mar, os pés nus.
Alí
queda Aurora. Descalza, rodeada de finísimos cristais afiados e coa araña
dirixíndose lentamente á súa deda gorda. O neno, de pé no berce, mira a súa nai
con tenrura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario