Está o día feo. Pinga a chuvia deixando a paisaxe gris. E a humidade retoma a nosa vida. Hai friaxe nos ósos e ausencias no cerebro. O corpo pide doca e nós dámoslla. Loitamos por facer que vivimos pero sucumbimos á contorna. Non pían os paxaros. Nin voan. Acubillados no niño, caeron na conta de que a vida segue. E aí ando, pelexando entre o deber e o pracer.
Estou en fase gozosa neste intre.
Gaña a dozura.
Busco no facebook, convertido en taboleiro de anuncios, novas con enxeño. É complicado pero atopo. Vou navegando co mariñeiro Rogelio Santos Queiruga desde a caloriña da casa, e sinto o vento mareiro mentres avisto desde o medio do mar o monte Louro. Sento despois a escoitar a Ángel Martín facer o seu noticieiro. Fálame da tristeza na rede pola morte do Hematocrítico e dime, mirándome aos ollos, que me quere.
Aínda queda boa vida ensarillada nas redes. Vida con xeito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario