Por cousas da vida, hoxe non fun traballar, o que me permitiu dar unha volta polos arredores.
Cruceime cun pequeno caracol (quen ía dicir que un molusco espertaría tenrura en min) e dous dos meus paxaros favoritos: un paporrubio subindo a saltos as pólas dun carballo e un ferreiriño cristado que xogaba comigo ás agachadas.
Estaban os paxaros celebrando estes raios de sol despois dun mes asolagados, durante o cal vivimos como lesmas, desprazándonos pola vida rodeados de auga.
O Crabeiro baixaba oufano e destemido, cheo de auga ruidosa. Nas beiravías as follas douradas do outono aboiaban nas fochancas. Os carballos e piñeiros estaban abrazados por hedras e brións. Todo en calma.
Desde lonxe observo a casa como se non fose a miña ou estivese a milleiros de quilómetros. Aos poucos estou aprendendo a desconectar. Faime ben esa hora que cada día reservo para min. Nesas estou cando me decato de que as contras do cuarto de papá están abertas. E ábrese á vez a miña realidade, retida nesta mañá de sol. Rematou a calma en tránsito.
Ningún comentario:
Publicar un comentario