Este é un recuncho da miña aldea no inicio do solpor. Non é unha foto calquera. É importante o que se ve. A metáfora visual. O sol ocúltase tras os carballos nus. Á esquerda, debaixo, uns salgueiros ou ameneiros ou... asoman tras a viña. Ata aquí a nosa vella Galicia. Pero a metade da foto está habitada por eucaliptos. Tesos, rexos, fortes, imbatibles. Entraron no seu cabalo de Troia, vestidos de cartos doados, e ninguén loitou contra eles. Invadíronnos con parsimonia, con promesas. E as fragas minguan, asediadas. Os montes arden avivados por eles. Resisten no país das contradicións.
Dúas notas rechamantes.
1°. O eucalipto está considerado pola Xunta unha especie "prohibida", xunto cos piñeiros, mimosas e acacias.
2°. A foto de portada de La Voz de Galicia deste domingo. A conselleira fotografándose entre árbores senlleiras do territorio: un eucaliptal.
Nada máis que achegar.
Ningún comentario:
Publicar un comentario