mércores, 27 de decembro de 2023

A aldea está a monte

Papá repite sempre esta idea: todo está a monte; hai toxos e silvas medrando nas leiras; as viñas caen co peso das vides sen podar; as árbores medran sen control... E ten razón. Minguan os carballos rodeados polos eucaliptos e o lixo mestúrase co mato salvaxe.

Explícolle que hoxe a xente ten outros traballos que os cansan e non hai ganas de pañar herba, podar viñas, limpar montes. Tampouco hai vacas que precisen comida nin toxo. E a vida do campo xa non é a súa. Move a cabeza con resignación. Antes víanse as casas de Gondar e sabiamos cando pasaba o autobús que vos traía de Santiago.

Durante o paseo decátome das vides cortadas coa machada. Quedan colgadas do arame procurando a base que as alimenta. Semellan aforcados movendo os pés. Xa non se traballan as viñas, ninguén as poda, nin sulfata ou vendima unhas uvas que non se comen, nin o viño agre se bebe. 

A aldea de vello esmorece. Agora o monte conquista a civilización; pero esta tamén toma posicións e avanza, expandíndose por el. Velaquí unhas camelias en territorio alleo.



Ningún comentario:

Publicar un comentario