Necesito a primavera para encher de flores rechamantes o meu pelo e sorrir cando me miro no espello escachado. Así véxome repetida ata o infinito enmarcada entre cores ledas.
Eu son a primavera. Tola e cambiante. E bótoa de menos.
Quero abrir as xanelas da alma para que entre a caloriña e o vento arrastre os lixos.
Quero mudar a roupa da casa e darlle a volta ao colchón.
Quero limpar a humidade das paredes con lixivia.
Quero empezar unha vida nova mirando o tempo no aire, calmada e lúcida.
Oír o canto dos paxaros e observar o seu voo sobre as leiras. Quero que neve po amarelo que o tinga absolutamente todo.
Quero primavera. Axiña. Antes de que a escuridade me oculte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario