venres, 28 de febreiro de 2025

Que pon en marcha un corazón?

Durante un abrazo necesario, o oído quedou apegado no lugar exacto do seu peito, a uns centímetros de pel e carne do corazón. Os latexos soaron rotundos e rítmicos. 

Que pon en marcha un corazón? Impulsos eléctricos parece.

Onte parei o reloxo de parede. Total, ía a deshora e daba badaladas cando non tocaba. Detiven a mantenta o mecanismo do vello aparello.

O do corazón faime pensar. Latexa sen máis, a mente non pode obrigalo a parar. Esa mente que controla todo, ata o aire que entra e sae, non pode deter, como a miña man, o seu mecanismo. 

Desacouga escoitar o bum bum no peito. Non me parece relaxante, ponme en tensión porque non entendo de electricidade.



Ningún comentario:

Publicar un comentario