domingo, 2 de marzo de 2025

Termóstatos e canos




Temos un problema coa calefacción. As canalizacións están ben pero a presión baixa por mor da purga. É doado entender o problema e atopar a solución. O do termóstato é máis complexo pois non responde á lóxica programada, non se acende nin se apaga como llo indicamos. Vai por libre e sen control. Case amencemos achurrascados  o luns.

Pretendo ser positiva e alegre. Quero escribir con humor, ríndome das trabas cotiás. Mais non sempre é posible, xa que turra máis un momento crítico cás horas risoñas.

Hoxe houbo un momento crítico. Un dos que me pon alerta. Subiu de novo a tensión, e con ela sobrevoáronme as clásicas preguntas en busca de razóns.

Procuro respostas, entender por que volve unha situación que considerei superada.

O das veas é distinto do da calefacción. Ou non tanto. 

As veas son canos que encollen e se expanden cando nos poñemos en alerta para prepararnos para a batalla. Vasodilatación e vasoconstricción. O estrés, como un termóstato avariado, xoga noutra liga, e a tensión da vida actual prexudícanos; non beneficia como o ancestral. O que nos salvou como especie durante centos de miles de anos, neste século e medio pode chegar a ser letal. E todo por un progreso mal entendido, con prioridades erradas e pensamentos caóticos.

Posuímos cada día os mesmos metros de conductos e a mesma cantidade de sangue; nada debería variar. Pero sempre salta un "clic", como o da posta en marcha da calefacción, sen hora programada ou descontrolada. 

E, ala, a voar. E encoller. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario