luns, 30 de marzo de 2015
65. Verderolo común
Visto tamén hoxe luns 30 de marzo en Catoira, tamén en Santa Baia. O nome científico é Carduelis chloris e en castelán é o verderón común. Estaba cantado coma un tenor.
64. Andoriña común
Xa chegaron as andoriñas a Catoira! Avistamos esta hoxe, luns 30 de marzo, en Santa Baia, fronte á igrexa, entre as 7'30 e 8 da tarde. Pasou coma un raio e case nin deu tempo a sacar a foto. O seu nome cienífico é Hirundo rustica. En castelán é a golondrina común.
sábado, 28 de marzo de 2015
63. Liñaceiro común
Avistamos este liñaceiro común (Carduelis cannabina) o sábado 28 de marzo en Bamio, xusto enriba do paso do tren, fronte ao camping, sobre as 4'30 da tarde. Fomos ata a praia por se aparecían os cullereiros ou os culleretes, pero ningún deles se achegou por alí, cando menos a aquelas horas. Xa marchando vimos a parella de liñaceiros nos cables. Así que cazados!!!! É castelán é o pardillo común.
luns, 23 de marzo de 2015
Marzo
“E unha tarde de marzo, cando o ceo se engalanara co azul máis puro, cando o aire traía nas súas ás o perfume das primeiras follas e o sol descendía paso a paso, e bañaba cos seus últimos raios as máis altas montañas coloreándoas con esa tintura violeta que as envolve como un manto de vapores, atravesaron Branca e Xaniño aquel bosque de seculares aciñeiras e encontráronse no vello claustro de que vos falamos.”
Dende o ceo, Manuel Murguía. Ed. A
Nosa Terra
domingo, 22 de marzo de 2015
62. Miñato real
Vimos o miñato real hoxe, domingo 22 de marzo, ás 5 e media da tarde na zona de Valga, preto do río, no mesmo sitio onde avistamos a semana pasada a aguia peixeira. De feito achegámonos para ver a aguia, que tamén vimos, pero atopamos ata catro miñatos reais voando xuntos. O nome científico é Milvus milvus.
Nesta imaxe véselle a parte superior. Xirouse de tal xeito que nos deu as costas. A súa cor avermellada e o rabo gallado fano inconfundible.
martes, 17 de marzo de 2015
61. Aguia peixeira
Foi outra das sorpresas do domingo 15 de marzo. De volta á casa decidimos achegarnos o máximo posible ao Ulla na zona de Valga, e o que pensamos que era un miñato común acabou sendo unha aguia peixeira. Cos prismáticos vimos ben clara a súa cor branca na parte inferior do corpo e en parte das ás. Tamén unha sombra debaixo da cabeza e a risca negra que vai dos ollos á caluga.
Sobrevoaba a zona dos xuncos e pousou nun eucalipto ao pé do río. Logo liscou por riba do Ulla e xa non a volvemos ver.
O nome científico é Pandion haliaetus e en castelán é a aguia pescadora.
60. Galiñola negra común
Tamén en Valga, o domingo 15 de marzo, vimos a galiñola negra común (Fulica atra), nadando na lagoa entre a parella de cisnes, uns cantos lavancos reais e outras galiñas de río. Había polo menos uns catro exemplares.
En castelán chámase focha común.
59. Cisne real
En Valga, na recta de Campaña, hai un lago, resto dunha antiga mina a ceo aberto, que foi aproveitado como zona de lecer. Fomos ata alí o domingo 15 de marzo pola tarde e atopamos unha parella de fermosos cisnes reais. O seu nome científico é Cygnus olor e en castelán chámanlle cisne vulgar, aínda que de vulgar non ten nada..
58. Mazarico rabinegro
Avistamos este mazarico rabinegro o sábado 14 de marzo nas marxes do río Ulla á altura de Bamio sobre as 4 da tarde. Estaba a marea baixísima e na imaxe véselle medio enterrado na lama; de feito as patas son moito máis longas como se pode apreciar na seguinte foto:
Nun determinado momento, espantado por unhas gaivotas, botou a voar, posibilitando así unha mellor identificación pois véselle ben o rabo negro separado do resto do corpo por unha banda branca, e por suposto as bandas tamén brancas das ás.
O nome científico é Limosa limosa e en castelán é a aguja colinegra.
martes, 10 de marzo de 2015
57. Xílgaro común
Manu viu este xílgaro común na Coruña hoxe martes 10 de marzo sobre as tres da tarde. Non hai lugar a dúbidas, pero por se non queda claro deixamos outra foto máis aclaratoria pero menos definida. O nome científico é Carduelis carduelis. E o nome en castelán non precisa tradución.
56. Carrizo común
Vimos este carrizo común o domingo 8 de marzo, pola tardiña sobre as cinco, no parque de Carreirón na Illa de Arousa. Mentres esperabamos a saída do mergullón pequeno e da galiñola, achegouse o carrizo facernos unha visita; pousou na ponliña e cando, xa tiraramos varias fotos, liscou. O seu nome científico non vai acorde co seu aspecto: Troglodytes troglodytes. En castelán é o chochín.
55. Píllara dourada europea
Ao lonxe, na praia da Ladeira en Corrubedo, vimos uns paxaros que destacaban contra as ondas que rompían pola súa cor dourada. Véndoos con máis calma na casa deducimos que se trataba de píllaras douradas europeas. O nome científico é Pluvialis apricaria e en castelán é o chorlito dorado europeo.
54. Píllara real
Achegouse bastante a nós unha parella de píllaras reais (Charadrius hiaticula). Andaron paseando pola area, acompañadas por veces de píllaras riscadas e de pilros. Tamén a vimos na praia da Ladeira o 7 de marzo. En castelán chámanlle chorlitejo grande.
53. Pilro groso
O pilro groso distínguese ben entre os outros polo seu tamaño, non en balde se chama groso. Na foto aprécianse dous, un en cada esquina como flanqueando o grupo. O nome científico é Calidris canutus e en castelán chámanlle correlimos gordo. Tamén o vimos esa tarde do 7 de marzo en Corrubedo.
52. Pilro curlibico
O pilro curlibico, en castelán correlimos común, tamén andaba por Corrubedo esa tarde do sábado 7 de marzo. O nome científico é Calidris alpina.
51. Mazarico curlí
Aí vai o mazarico curlí (Numenius arquata) paseando polas rochas na praia da Ladeira. Foi o sábado 7 de marzo pola tarde. Como se pode ver andaba entre as gabitas eurasiáticaa, pilros e demais paxarada costeira. En castelán é o zarapito real.
luns, 9 de marzo de 2015
50. Pilro bulebule
Vimos moitos pilros bulebule na praia da Ladeira en Corrubedo o sábado 7 de marzo. Había unha boa bandada mesturada con outros tipos de limícolas. O nome científico á Calidris alba e en castelán chámase correlimos tridáctilo.
49. Gabita eurasiática
A gabita eurasiática (Haematopus ostralegus) tamén foi avistada en Corrubedo, na pradia da Ladeira, o sábado 7 de marzo, durante a soleada tarde; neste caso foi a primeira ave que vimos nada máis chegar, ás 4 menos cuarto. Estaba lonxe, nunha especie de illote rochoso que queda illado cando sobe a marea. Convivía alí con varias especies máis: píllaras, pilros, mazaricos,... En castelán chámase ostrero eurasiático.
48. Carrán cristado
Este Thalaseus sandvicensis vímolo na praia da Ladeira en Corrubedo este sábado 7 de marzo pola tarde, arredor das cinco. Pasou un par de veces por riba de nós, fixo un amago de somerxerse pero non rematou a xogada. En castelán chámase charrán patinegro.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)