Cada casa ten o seu sistema de comunicación. Na nosa falamos moito sen palabras. Mamá comunícase cos ollos e as mans. Papá con sons inarticulados e sorrisos. E entendémonos perfectamente neste idioma de noso.
Mantemos diálogos eternos coa mirada e co tacto. Hai amor, súplicas, indecisións, asercións e indiferenzas na mirada. A presión dos dedos, as caricias no ombreiro, nos brazos, nas mans, na fazula ou na cabeza din máis ca unha novela. Os bicos fuxidíos ou insistentes gañan a calquera poema de amor. As protestas e chamadas de atención aparecen como suspiros, repeniques de dedos no sofá, pequenos golpes do bastón ou refrega de mans no pantalón.
E así, imos falando, coa boca pechada.
Nestes últimos anos dixémonos as cousas máis importantes. As que permanecen, as esperadas. Coa voz e co silencio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario