Menos mal que camiñaba mirando o chan. Adoito facelo desde que pisei unha lesma. Desta descubrín o soldado de xoguete abatido, decapitado tras a loita durante unha longa infancia.
Penso en quen xogou con el, no neno ou nena con que loitou en innumerables e difíciles batallas. Tivo que ser Iria ou Gabriel ou Nerea. Única rapazada que corría polo Xogo. Agora xa son mozas e mozos que deixaron atrás unha infancia leda, batalla gañada, e pelexan noutras das que espero saiban saír con ben.
O pobre soldado fica no campo de batalla. Abandonado sen honores. Así deixamos atrás a infancia, de súpeto, sen miramentos, sen recoller a inocencia ciscada no berce. Entramos a cegas na adolescencia, desorientados, abandonando a pel que nos protexeu, como unha fría serpe. Só na madurez volveremos á lembranza da infancia para, na vellez, converternos de novo en nenas e nenos que buscan amparo e amor.
Daquela darémoslle sepultura con honores ao soldado caído.
Ningún comentario:
Publicar un comentario