Preséntase a oportunidade dun novo inicio, como se tivésemos esa capacidade de frear e coller outra estrada máis amable, sen fochancas e unhas vistas abertas a unha montaña nevada ou un mar azulísimo.
Decidín coller esa estrada, pero non sei se o coche soportará a viaxe. Terá gasolina? As pastillas do freo estarán gastadas? Cando toca cambio de aceite?
Son consciente de que esa non é a actitude para un reinicio. De momento vou procurar cada día un motivo para a felicidade e darlla a quen me acompaña nesta viaxe solitaria.
Procurarei camiños de ilusión.
Limparei o parabrisas con auga bendita.
Irei amodo, mesmo nas rectas interminables.
Afrontarei o porvir.
E, de precisalo, chorarei todo o que o meu corpo decida expulsar.
Polo de agora, arranquei o motor e percorrín apenas uns metros. Algo me lastra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario