xoves, 18 de xaneiro de 2024

A vida en verde




A humidade do inverno tinguiu de verde o testo de cerámica da mandevilla.

Formouse nel unha mancha que parece sacada dun cadro xaponés e precisa un haiku que lle poña sentimento invernal.

A humidade colga do testo

e esvara lene

para encher de verde o inverno.

Vexo sutís pinceladas verdes perdidas entre o marrón dos ollos de mamá. Pero o seu iris é verde monte, escuro. Non vibra coma o verdello do testo. Por momentos a súa mirada é inqueda, inquisitiva e o seu iris acada unhas pingas de verde vivo; outras, a mirada queda colgada nun punto indefinido, entre a nada e o baleiro. Aí fica perdida e o verde escurece e vólvese da cor do piñeiro.

Herdei os seus ollos, non sei se a mirada. 

O inverno asoma nos ollos de mamá,

coma xade na area

brillando entre o tempo infinito.

Ningún comentario:

Publicar un comentario