Sentados no soportal da casa este verán oímos unhas avelaionas moi preto. Un pequeno coro que fixo de banda sonora a un solpor demorado. Daquela, unha voou por diante nosa, con calma e ouleando, pero apenas puidemos intuír a súa sombra; axiña pousou no poste da luz. Collemos a cámara de fotos e subimos ao primeiro andar para poñernos á súa altura. Pero... o resplandor do farol impedíanos vela; só avistamos a silueta esvaecida. Ela, máis lista ca nós, fuxiu tan pronto nos presentiu.
Volveu. Isto non é un conto de medo, pero algo vén de visita pola noite moi de cando en vez. Nunha delas preguntei quen estaba alí e mesmo cheguei a acender a luz para comprobar a miña soidade. Nada. Ninguén. Días máis tarde o colchón no que intentaba durmir cedeu a unha presión xusto ao lado da miña perna esquerda. Pensei no gato que ás veces me acompaña. Pero tampouco. Nada. Ninguén.
A cabeza visita lugares recónditos dos que fuxo. Maldita ela, que me leva a pensar, imaxinar, teimar. Sei que hai algo, non toleei, e creo que vén a comprobar se o froito está maduro para recollelo.
Esperará á próxima estación para a colleita?
Ningún comentario:
Publicar un comentario