É doado nun día gris e chuviñento ver o mundo desolado. Cae a auga fóra e deixa pozas nas baldosas dos cuartos. O vento sopra desde a ría e tira os cadros das paredes. Estes días o vendaval percorre a casa e deixa cascallos ciscados polos corredores. Pechámonos en nós, sen entender, sen comprender, cansos do aire húmido, das noites nos días de xaneiro, do ritmo demorado dun tempo descarado, que se estira sen atender as horas, minutos e segundos que deberían marcalo.
Vivimos nun habitáculo feble, que ameaza con derrubarse. Tremen os alicerces; as contras baten; as xanelas deixan coar o aire; no faiado escoito renxer as tellas. Esmorecemos cansos, sen forzas para loitar no intre final da batalla.
Que non dure o inverno!
Ningún comentario:
Publicar un comentario