Un paporrubio real canta tranquilo na póla dun carballo, na beira do camiño polo que paso eu coa cámara de fotos na man. Uns segundos. Tiro dúas fotos e o paxaro marcha. Os minutos que tardei en chegar á casa e comprobar as imaxes foron eternos. Caceino e fun feliz. Estaba no lugar e no momento oportunos para ser feliz. Non é doado que se dean as dúas circunstancias á vez.
Esta noite deille de cear a mamá. Leite de avea con meritene de chocolate, unhas galletas esmagadas e o biscoito de miña cuñada. Enviou todo con degoiro. E xusto despois da última cullerada, mamá falou. Foi o noso momento e lugar. As palabras apareceron de súpeto, como o paporrubio real, para dicir todo o que intuímos, para agradecer, para amar, para facerme sentir feliz. Durante eses minutos desapareceu a angustia do peito, non doeu o ombreiro nin o dedo polgar. Quedou todo dito.
Preguntou polo seu home, por José. Díxenlle que descansaba no seu cuarto. Aledouse de saber que todos estabamos na casa. Comenteille que fóra ía moito frío, que todo estaba recadado e non tiñamos ningunha preocupación. Ben, respondeu. Encántame que quede durmida sabendo que todo está ben; ás veces míntolle, dicíndolle que fóra chove e venta. Nos últimos anos, cando tomaba a sesta, preguntábame polo tempo; se chovía, ficaba encantada na cama, sabendo que nada quedaba pendente.
Agora dorme e sei que voa pola Cabana co paporrubio real.
Ningún comentario:
Publicar un comentario