Explícanlle: todo empezou cunha célula que alterou a súa estrutura por factores internos ou ambientais descoñecidos. Esa contaminou a veciña e esta a outra e así sucesivamente ata convertirse en mortal para o seu corpo.
-E non hai solución? -pregunta nervioso.
-Puido habela hai tempo, agora xa non.
-Pero eu non notei nada.
-Seguro? Non lle doían os riles?, non estaba sempre canso?, e sen fame? O corpo avisouno, ata eu lle quixen facer análises...
-Non era para tanto -responde resignado.
Marcha pola praza que, baixo o sol do mediodía, arde sen árbores. A calor rebotada do chan quéimalle a pel e cégalle os ollos. Vai pensando, mentres procura unha sombra baixo a que descansar o corpo doente, en como chegou ata ese intre. Era certo que algo notara e non quixo ver. E tamén que o médico o advertira. E tampouco quixo ver.
Para bruscamente no medio da praza e decátase de que todos os bancos están ao sol e maldí ao alcalde por cortar as árbores porque seica eran un perigo durante os vendavais do inverno.
Baixa ata o río. Quere pasear ao fresco. Necesita pensar. Segue a senda que o abeira. Está lisa, coa terra compacta. É doado avanzar sen esforzo. Olla o río de cor azul, rechamante. É precioso, pensa. E daquela ve un peixe flotando coa barriga apuntando o ceo. E outro, e outro... cada vez baixan máis. Entón nota o olor sulfuroso que sae da auga, e a escuma rosada.
A galaxia destaca entre milleiros. Ten forma helicoidal. É preciosa. Esténdese finísima e longa chea de soles e planetas multicores. Pero hai un en concreto, unha pedra mísera de cor verdeazulado, que empeza a apodrecer. Aínda non sabe que algo vai mal. Quizais nunca chegue a sabelo pois é posible que os outros planetas o esnaquicen, ou el mesmo se autodestrúa. Poida que cure, pois está aumentando a febre para desfacerse do perigo. Pero se non pasa iso, infectará aos demais, expandéndose pola galaxia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario