Nacen fentos no tellado e aniñan os paxaros nas trabes. Segue o planeta a súa órbita milimétrica.
E nós, pingas de po, seguimos aquí abaixo ollando como voan os miñatos, pairando sobre o vento.
Hoxe pasmo. Os narcisos murchan, o abellón fálame no oído.
Hai un milagre verde no bidueiro.
E unha néboa amarela na paisaxe.
Só é a primavera que volve.
Entre esbirros e flores.
E esborrancho papel con mil cores para borrar a cinza pegañenta.
Hoxe hai paz, a pesar de ser marzo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario