Ultimamente volven a min algunhas voces claras, cantareiras e ledas desoutra familia que amo.
Volveu a voz de Ainara, filla das letras, en forma de canto que acada cada vez notas máis altas. Orgullo de tela collido da man e cantar con ela.
Volveu Cris, a miña siamesa, unha extensión que me naceu ao lado e me alenta na miña tolemia dubitativa. Orgullo de ser dúas.
Volveu Mari, a miña esposa de teclado, animosa, á que precisaba dicirlle que sigo aquí, nesta liña temporal, paralela á súa na emoción. Orgullo de consolo.
Volveron, sen prevelo, Fernando e Miriam, voces calmas entre as risas e a lóxica. Orgullo de compartirmos.
E volveu Ana, a amiga, que nunca marchou; ela é a voz da razón e a comprensión, a charla pousada, o café, a vida... entre nós. Orgullo de luz que me brilla.
Reaparecen como os gatos perdidos no monte, como a onda do mar na resaca ou as lembranzas agochadas da infancia. Reaparecen para aledarme nestes días plenos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario