A cama é o meu refuxio preferido. Non son a única da familia que busca amparo nela. Alí todo está ben. Gústame a horizontalidade mol e suave; sentir como as veas recuperan o sangue que retorna e os músculos suavizan a tensión. O pensamento tamén descansa. O cuarto pasa a ser unha cámara protectora, un espazo de meu, pechado a miradas alleas; nada incomoda, nada sofre, nada ocorre. É a nada absoluta. Nada no meu organismo. Nada na mente que se fai carne, e esváese lentamente ata ocupar o espazo do meu corpo entre as sabas. Como os ocos que quedaron dos atrapados polas cinzas piroplásticas en Pompeia.
Po de tempo, po de espera, po que colga no aire do cuarto como estreliñas fugaces demoradas e lentas.
Nada e po.
Cerebro oco, corpo leve. Cisco.
Ningún comentario:
Publicar un comentario