Estou involucionando. Os meus polgares oponibles non son efectivos por mor da artrose. Vexo como volvo á orixe, percorrendo de volta camiños milenarios. Encollo coa dor da verticalidade; o leite non me presta; o corpo quere cubrirse de pelo para protexer a pel débil e delicada. Calquera día volverei ás árbores e atoparédesme entre as follas dun carballo comendo landras e bichocos entre estreliñas ricadas, subeliños e xílgaros.
E se non é involución e só se trata de vellez?
Mamá, pola contra, evoluciona. Aperta os polgares con forza para encadear canda ela a quen desexe; tolera o leite de novo e ten unha flexibilidade infantil. Segue adiante, avanzado cara ao futuro, en silencio e esquecendo o camiño percorrido. Evoluciona silandeira e estática entre as sabas.
Papá permanece nun limbo de fe e azucre. Flota ante os meus ollos, inmutable pero cambiante; resignado na desesperanza. Sabe da permanencia, coñece o seu corpo, espera a continuidade.
Subirei ás árbores de novo?
Ningún comentario:
Publicar un comentario