SEMPRE!
Que difícil semella e que doado é. Sempre goberna o partido máis votado! Non coñecemos o noso sistema e esta ignorancia é aproveitada para facernos crer o que non é.
Os cidadáns e as cidadás votamos a deputados, non ao futuro presidente do goberno. Estas deputadas e deputados elixen, despois, nas cortes, o presidente (si, aínda en masculino). Alí gaña o que obteña máis votos. É dicir, o máis votado.
É un bo sistema no que teñen cabida todos os partidos políticos, de todas as ideas e territorios. Cadaquén elixe o que mellor o representa, e son os seus deputados, elixidos por nós, quen votan polo presidente. Eu espero que o partido votado por min lle dea os meus votos a outro candidato da miña liña ideolóxica. Deste xeito eu non teño que votar por alguén que non me convence e á vez consigo estar representada no congreso dos deputados. De non ser así, acabariamos no bipartidismo, ou branco ou negro, porque os demais serían, agora si, votos inútiles. Cómpre chegar a acordos, como na vida diaria.
Neste enlace podemos ler o artigo 99 da Constitución Española (Artigo 99); o punto 3 sinala: "se o Congreso dos Deputados, polo voto da maioría absoluta dos seus membros, outorgase a súa confianza a dito candidato, o Rei nomearao Presidente. De non acadarse dita maioría, someterase a mesma proposta a unha nova votación corenta e oito horas despois da anterior, e a confianza entenderase outorgada se obtivese a maioría simple".
Aquí deixo dúas papeletas das últimas eleccións xerais de xullo do 2023. Como se pode ver, os de Pontevedra votamos por deputados/as; no caso do PSOE, o primeiro da listaxe é David Regades Fernández, e no caso do PP, Ana María Pastor Julián; é dicir, nin rastro de Sánchez nin de Feijoo. Por estes dous votarán os deputados e deputadas que nós elixamos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario