venres, 18 de agosto de 2023

Sons á espreita

Toses. Respiración axitada e ruidosa. Dedos esbrancuxados que tiran das sabas facendo frus, frus. Ausencias.

Un mundo sonoro pechado en dous corpos. Esmorecen e ansían. Decaen entre desexos xuvenís que sobreviven inalterables á evolución humana.

Clin, clin, clin... o son da culleriña na cunca. Soep, soep, soep... desfacendo a xelatina. Feip, feip, feip... rascando contra o envase de plástico. Asmr curativo.

Murmurios apagados. Lamentos sonoros. O aire que escapa, como dunha roda pinchada. Sons inarticulados, incomprensibles. Palabras que saen ás toas, das que só se escoita a sílaba tónica. Esforzo no andar, no falar, no respirar, no comer. Un eco rotundo na expiración, no alento dos soños. Súplicas na soidade, á Virxe, a Deus, a Min, aos Santos, á Nada e ao Todo. Unha ladaíña infinita. Unha fonte que deita oracións como a máquina de debullar tira grans.

Son os sons. Nós, só nós. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario