xoves, 4 de abril de 2024

A serea que nada libre


Estou enfrontándome aos medos. Levo un tempo cismando neles e négome a servirlles de alimento doado. Así pois, acariñei unha serpe e xa non sinto o arrepío cando as vexo. Estes días o adversario foi a morte e as pantasmas derivadas dela.

E gañei a batalla. Vin o cadáver, na cama e na caixa, e biqueino. E podo deitarme na súa cama. Quen mo diría! Saír vitoriosa supera con moito o da serpe.

Libereime e teño a sensación de nadar, como unha serea, entre quenllas e augamares. Flotando e en proceso de contención total.

O medo é irracional. E só coa razón e o autocontrol se vence. Resulta moi complicado porque agarra as poutas con forza e tira á vez da cabeza e do peito, creando un nó ben atado cos músculos, veas e tendóns aí, entre o esterno e as costelas. Iso provoca que o corazón bombee a mil por hora e o aire non entre nos pulmóns. Quen pode pensar así? Que pode razoar? Cómpre adestrarse para enfrontalo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario