Por fin. Chorei. Non estou seca. Foi a lembranza quen me remexeu. Un vello amigo da familia. Un vello débil, e que empeza a esquecer, lembrou a papá. Un home bo, dixo. Un home que me axudou e me acolleu, dixo. Un home, un amigo polo que rezo todos os días, dixo.
A súa debilidade abrandoume. Encheume a alma de emoción e non puiden conter o pranto. Un policía ollábame mentres me despedía del. A rúa tiña acceso limitado pola presenza de autoridades na zona. Seguiu os meus movementos cando abrín a mochila para gardar a chaqueta e as emocións. Percorrín errática a parte vella da cidade cos sentimentos desorientándome.
Por fin chorei.
Non sei se pola nostalxia ou por coñecer a inxustiza da vida.
Os corpos decaen, as ansias xuvenís permanecen. Ata que non soportan a incomprensión e déixanse ir, devagar, canda a carne.
Ningún comentario:
Publicar un comentario