Xa podo. Penso que xa podo escribir. Non estou segura. Pasa o tempo, tranquilo, e a ausencia vólvese máis dolorosa. Chegou a liberdade e non sei que facer con ela. É como todo o que estamos recollendo: que queda con nós e que non? Onde poñemos o que queda? Nun caixón, agochado da vista?
Ando desorientada. Os meus beizos buscan as súas fazulas. Preciso telos comigo. Unha tatuaxe, unha xoia? Ando perdida. E teño que atoparme. Xa son eu o tronco da árbore, non a póla. Camiño sempre coa bágoa no lacrimal. Como alguén me mire, a bágoa esvarará porque non cabe en min nin unha ollada de pena.
Como me recompoño?
Estas ausencias provocaron unha revolución. Deixou o terreo arrasado, a casa derruída... Pero, algún día, como ave fénix, aparecerei, moverei as ás e provocarei un remuíño que lanzará lonxe as cinzas desta desolación. E convertereime na raíña do territorio recuperado. Algún día. Hoxe, non. Hoxe aínda pasean polo castelo para acocharme na noite e murmurarme bicos ao oído.
Ningún comentario:
Publicar un comentario