Dei un paseo polo espazo e o tempo. Camiñei ao pasado, sen pretendelo, seguindo a ruta do río Crabeiro. Vinme con sete ou oito anos, rindo a gargalladas, correndo pola pedra lisa e inclinada do lavadoiro. Nenos e nenas aplicando as leis da física nun xogo cheo de risas. Ai, que recorro á infancia feliz e ao tempo que pasa!
O Crabeiro é o río no que se lavaban as tripas do porco e a roupa. Lembro a mamá, con aquel lavadoiro portátil de madeira, apoiada nas pedras co lombo dobrado, fregando na roupa que despois deixaba a delourar nas xestas. Eu pensaba que mamá lavaba alí para ter a auga máis limpa, porque os seus restos baixaban polo río ata o lavadoiro do medio da aldea. Quizais só o fixese para andar menos ou non pasar tanto tempo a falar; daquela mamá sempre andaba a correr, pois tiña moitas frontes abertas: casa, fillos, pai, leiras, colleitas, vacas, galiñas, porcos, ovellas...
Este Crabeiro convértese un pouco máis abaixo no río do Medio, imaxino que porque atravesa a aldea naquel tramo, onde se converte en fonte e, un pouco despois, en lavadoiro. Hoxe percorrín o seu curso. Estaba bravo ao inicio para esvarar lenemente entre as leiras, entre elas o noso cacheiro fértil, a Ansuviña. A fonte deita auga, pero o lavadoiro está seco. Neses escasos metros entre ambos, canalizouse o río e escóitase decorrer debaixo das reixas no chan. O río encarcerado pedindo que o liberen. A partir de aí pérdese o seu rastro, entre fincas cheas de matogueiras, ata que chega ao muíño.
Ultimamente ando a voltas coa toponimia. Descubrín que o Crabeiro non ten que ver con cravos nin caraveis, senón con cabras, bravas ou mansas (cousas da metátese lingüística que move as letras dentro da nosa boca), que remoían a herba nese lugar. De aí que o escriba con b, aínda que a miña mente o vexa con v.
Ningún comentario:
Publicar un comentario