Moita xente, sobre todo a máis nova, non exerce o seu dereito a voto ou, de o facer, este é nulo ou en branco.
As razóns son as de sempre: non me representan, todos son iguais... Isto é desinformación e poucas ganas de coñecer a realidade. Tamén unha forma de eludir os problemas, isto é, se o goberno, a oposición ou calquera outro fai algo mal, a escusa está aí: Eu non lle votei. Os problemas non se eluden, afróntanse e lóitanse.
Hai moitos partidos, non só dous nin catro. Mira os seus programas ou, polo menos, atende os seus actos e palabras. Localízate e busca o que te defende.
Non reclames logo. Despedíronme e non teño dereito a indemnización. Pero non é só iso. Non todo vai no plano económico; o moral é máis importante aínda. Analiza os teus valores, as túas liñas éticas, con conciencia, sen a masa berrando, e mantente na túa postura. Posiblemente ningún partido te represente de todo, pero debes elixir o que estea máis próximo ás túas ideas e beneficios.
Hoxe cómpre xirar a cabeza para ver o rastro dos últimos anos. Hoxe toca pensar no estado dos compoñentes sociais máis básicos: como está a sanidade? E a educación? E a asistencia domiciliaria? Seguro que es usuario ou usuaria dalgún destes piares. Non cres que cómpren melloras? Porque non, non están funcionando.
Ningún comentario:
Publicar un comentario