Achégome a mamá e agárrame a cabeza. Empeza a acariñar a miñas fazulas, as pálpebras e os beizos cos papullos moles dos dedos mentres eu aproveito para bicarllos, como se fose unha nena pequena. Le a miña necesidade de aloumiños coa súa man tremente, pasándoma pola cara e o pelo. Quero crer que me está acariñando con tenrura, dun xeito algo brusco provocado pola rixidez muscular. As neuronas mandan un recado aos dedos que lles chega a golpes. Coma un gato xogando, ás veces rabuña sen pretendelo. Gústame sentir as súas unllas duras contra a pel. Feridas descontroladas que deixan o meu beizo inferior cun proído teimudo durante uns minutos.
Comunícase. Fálame. Agradece. Bica. Ama. Todo cos dedos na cara e a mirada de pingas verdemonte agochadas entre o marrón das meniñas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario